Comeza o programa municipal para escolares “Visita o teu Concello”
O alcalde deu a benvida ás alumnas do colexio Las Acacias que foron as primeiras nesta tempada do programa municipal “Visita o teu Concello”, no que escolares de 5º e 6 de Educación Primaria e 1º e 2º da ESO coñecen durante a mañá a actividade municipal e as instancias do consistorio. Nesta actividade participarán ao redor de 2.500 estudantes de 50 centros educativos.
Comeza un curso máis a tempada na que os escolares de Vigo visitan o Concello. Nesta primeira xornada foron as alumnas do colexio Las Acacias as que coñeceron de primeira man a actividade municipal. O programa “Visita o teu Concello” é unha experiencia para a mocidade, onde aprenden o funcionamento da administración. Nesta actividade participarán ao redor de 2.500 estudantes de 50 centros educativos.
Abel Caballero saudou ás estudantes que percorreron as instalacións da casa consistorial. Explicoulles os servizos que presta a Concello, como o ciclo da auga, a limpeza das rúas, o transporte ou a seguridade. “Cando a rapazada coñece o noso funcionamento, asume a importancia que ten Vigo e a administración local como órgano que proporciona servizos á cidadanía”, dixo o alcalde.
O Concello inviste 20.000 euros no programa municipal “Visita o teu Concello” e proporciona o traslado do alumnado ata o consistorio e guías para o percorrido polo edificio municipal.