Comezan as obras que permitirán a rexeneración urbana do Barrio do Cura
O alcalde acudiu ao inicio das obras e sinalou a actuación como “un fito histórico na cidade”. O Barrio do Cura suporá 264 novas vivendas – o 30% de protección oficial segundo estableceu o Concello –, unha zona urbana rexenerada con servizos, dotacións, aparcadoiro e zonas verdes. As rúas Llorente e Santa Marta terán 5 metros máis de ancho, o miradoiro do Paseo Alfonso XII prolongarase por diante das construcións ata chegar a Santa Marta e o túnel desde Portal do Sol desembocará en Torrecedeira. “É unha das grandes transformacións da cidade”, declarou.
Comezan as obras do Barrio de Cura que transformarán “unha zona degradada, deteriorada e abandonada da cidade”. Abel Caballero achegouse ao inicio da actuación coa que se crearán 264 novas vivendas, o 30% de protección oficial, tal e como estableceu o goberno local.
As obras comezarán co desmonte da fachada da igrexa do antigo asilo e as casas de pescadores de Poboadores que logo formarán parte do proxecto final – redactado polo arquitecto Alfonso Penela –, mesturando a historia coa modernidade. A continuación seguirá a urbanización dos terreos e a construción dos edificios. As rúas Llorente e Santa Marta ampliaranse en 5 metros de ancho e o miradoiro do Paseo Alfonso XII prolongarase por diante das construcións ata chegar a Santa Marta e o túnel de Porta do Sol desembocará en Torrecedeira. “É unha das grandes transformacións da cidade”
O Barrio do Cura será unha zona rexenerada con servizos, dotacións, aparcadoiro con 300 prazas, e zonas verdes. Caballero puxo de manifesto que ao Barrio do Cura súmase a actuación na Panificadora, que comezará tan pronto se aprobe o PXOM. O Berbés e Barrio do Cura estarán unidos a través do Vigo Vertical, coa instalación de dous elementos mecánicos.