Escoitar

O orzamento de educación supera os 18 millóns con 5,7 para mantemento de colexios

Bolsas de comedor, bolsas de inglés, mantemento de centros educativos ou ensinanzas especiais son as principais partidas do orzamento de educación de 2025. A cifra global supera os 18 millóns porque o ensino é un ámbito ao que o goberno local presta “moitísima atención”.

martes, 22 out 2024

O orzamento municipal de Educación para 2025 é de 18.147.298 euros, un ámbito ao que goberno local presta “moitísima atención”, en verbas do rexedor. Entre as partidas máis reseñables, Abel Caballero comezou referíndose aos 2 millóns adicados a bolsas de comedor, dos que unha parte son outorgados directamente polo Concello e outra distribúese a través de Foanpas, aínda que o financia todo o Concello.

Nas contas municipais figuran 3,3 millóns para que máis de mil nenos e nenas gocen da súa estadía dentro do Vigo en inglés, unha cifra á que hai que sumar outros 175.000 euros en bolsas de estudos internacionais para alumnos da Escola de Idiomas.

Os centros educativos reciben 5,7 millóns en conceptos como limpeza, reparacións, mantemento de caldeiras e calefacción, mantemento eléctrico, subministro de enerxía eléctrica e gas, así como na contratación de vixiancia e pequeno mantemento ordinario dos centros.

O orzamento de ensinanzas especiais alcanza os 2.350.000 euros, con grandes bonificacións para os usuarios que, nalgúns casos, son do 100% como a Escola de Artes e oficios. A escola de música, a de teatro, a de danza e a Etrad completan a oferta municipal.

Totalmente gratuítas son tamén as nove escolas infantís municipais, que contan cun orzamento de 2.339.000 euros. Neste punto, Caballero criticou a actitude “discriminatoria” da Xunta respecto a outras cidades galegas. De feito, Vigo vese na obriga de cofinanciar con 205.000 euros dúas escolas infantís da Xunta, as da rúa Palencia e Hernán Cortés.

A cobertura de patios de colexio conta cunha partida de 200.000 euros para avanzar en distintos proxectos, a diferencia da Xunta que non cubriu unha soa instalación en Vigo.

A UNED e a aula de lectura contan cun investimento de 350.000 euros; as Bibliotecas públicas da cidade, 1,1 millón; e a Biblioteca de Navia, 40.000 euros. A Casa do Patín é outras das instalacións municipais ás que se vai sumar a biblioteca de Teis que xa está en proxecto.

Orzamentos Xunta

Caballero comparou a implicación do goberno local co ensino coa falta de compromiso da Xunta neste ámbito na cidade. Referiuse ao incumprimento do convenio asinado para construír o instituto de Navia “porque non o queren facer”. Tal e como explicou, nos orzamentos autonómicos de 2025 deberían figurar 6,7 millóns e o que figuran son 1,8 millóns. Tamén criticou o anuncio de que a Xunta vai investir 4 millóns en institutos e centros de formación profesional que non aparecen recollidos nos orzamentos, como tampouco reforzan o persoal docente.

 

Descargar todas as imaxes