Escoitar

SonDeSeu ofrece dous concertos de homenaxe á ETRAD no Auditorio Municipal

A primeira das citas terá lugar este xoves, 17 de outubro. O alcalde presentou os recitais xunto a Anxo Pintos, presidente da Fundación Sondeseu e Xaquín Xesteira, director da Orquestra.

xoves, 17 out 2024
Imaxe da presentación en rolda de prensa
Imaxe da presentación en rolda de prensa

VOCASÓNS, Ensemble de mestres de SonDeSeu e a ETRAD é o nome do espectáculo que ofrece a Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu este xoves ás 20:30 horas do serán e o próximo xoves 31 á mesma hora no Auditorio Municipal, con entrada libre ata completar aforo.

Será unha homenaxe da orquestra á Escola Municipal de Música Folk e Tradicional que cumpre 28 anos formando á cidadanía viguesa na música e nos instrumentos patrimoniais galegos. Abel Caballero puxo en valor a dedicación municipal á ETRAD, que conta cun cuarto de millón de euros anualmente e felicitou polo seu traballo a SonDeSeu que é “extraordinariamente brillante e temos que dicir que é a mellor orquestra de música tradicional galega que probablemente houbo na historia de Galicia”.

Anxo Pintos, presidente da Fundación SonDeSeu, agradeceu o apoio incondicional do Concello tanto á ETRAD como á orquestra SondeSeu e explicou que se trata de dous concertos didácticos pensados para tódalas idades e públicos nos que soarán nove dos temas tradicionais galegos máis representativos, acompañados dunha peza audiovisual que relata a historia da palabra, do ritmo musical e a súa orixe. Tal e como apuntou, o traballo de vídeo corre a cargo de Casa Gallinitas, estudantes da ETRAD e finalistas na última edición dos Premios Youtubeiras.

SonDeSeu nace no seo da ETRAD no ano 2001; o seu alumnado fai as prácticas orquestrais e conforma o elenco da formación e ten visitado numerosos países e escenarios, contando coa presenza das mestras e mestres da ETRAD, que son referentes non panorama da música tradicional e folk galega e europea, con recoñecementos como un Grammy, un nomeamento aos Grammy Latinos, Premios da Crítica de Alemaña e Galicia...

 

Descargar todas as imaxes