Vigo subvenciona a 62 entidades con 1.234.000 euros para o fomento do emprego
Abel Caballero anunciou que o Concello amplía o prazo para a presentación da xustificación das axudas ata o 11 de outubro.
Abel Caballero informou da aprobación por parte da Xunta de Goberno Local de subvencións para o fomento do emprego en entidades veciñais, culturais, sociais, empresariais, deportivas e comunidades de montes. Serán beneficiadas 62 organizacións pola xeración de emprego para o desenvolvemento das súas actividades.
O alcalde anunciou que a contía é de 1.234.000 euros e que o goberno local amplía o prazo de presentación da xustificación ata o 11 de outubro. “Con estas axudas xeramos emprego útil que presta servizos a tantas entidades”, declarou.
As axudas ao fomento do emprego teñen por obxectivo a creación de emprego e estabilidade laboral, así como o reforzo da capacidade de autoorganización para fortalecer o tecido social da cidade.