Escoitar

O Concello aproba o proxecto de humanización da rúa Pintor Lugrís que inclúe dúas ramplas mecánicas

Abel Caballero anunciou este venres que a Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto de humanización da rúa Pintor Lugrís, que inclúe a instalación de dúas ramplas mecánicas, e a tramitación do expediente do plan de actuacións para minimizar as perdas da rede de abastecemento de auga en Santa Cristina de Lavadores, Navia e Coutadas-Teis.

venres, 5 xul 2024

O alcalde avanzou hoxe que este verán licitarase, por un 1.594.000 euros, o proxecto de humanización de rúa Pintor Lugrís, entre Álvaro Cunqueiro e López Mora que inclúe a instalación de dúas ramplas mecánicas.

As obras de mellora estenderanse nun tramo de 123 metros de lonxitude, e conlevarán a ampliación da zona peonil en 900 metros cadrados a zona. Tamén se renovará a rede de saneamento e abastecemento, manterase o aparcamento en liña, e crearanse 276 metros de novas zonas axardinadas e instalarase unha iluminación eficiente. “É unha humanización de altísimo nivel, con rampla mecánica para subir aquela costa que é imposible”, afirmou o rexedor.

Mellora no suministro de auga

Abel Caballero apuntou que entre os temas abordados hoxe pola Xunta de Goberno Local tamén se atopa a tramitación dun novo expediente do plan de actuacións para minimizar as perdas na rede de abastecemento, co que aos 26 sectores existentes súmanse outros tres en Santa Cristina de Lavadores, Coutadas Teis e no PAU de Navia. O alcalde lembrou que o sistema garante o abastecemento, no caso dunha avaría nun tramo da rede.

“Estamos a minimizar a perda de auga e optimizando o mecanismo de distribución da auga potable. Trátase de facer un sistema eficiente na distribución da auga potable” que contribúe a que Vigo teña “a mellor auga potable de España”, como constata a OCU, afirmou o alcalde.

“Queremos que esa auga chegue a todo o mundo coa máxima eficiencia e a mínima perda de volume e nisto tamén estamos adiantadísimos e seguimos facendo plans de mellora para que teñamos esta auga marabillosa cunha moi boa forma de distribución”, recalcou o rexedor.

Nas tres novas zonas instalaranse caudalímetros para mellorar o control dos volumes de auga circulante. No depósito do Castro realizarase unha acometida eléctrica para alimentar aos dous caudalímetros de inserción e a unha bomba de achique. Garántese tanto o seguimento continuo e remoto da calidade da auga e a detección temperá dunha posible alteración dos parámetros medios, como unha actuación rápida para corrixir a situación .

Descargar todas as imaxes