Escoitar

O Concello abre o reformado pavillón do Monte da Mina tras case 300.000 euros de investimento

Este venres ten lugar a posta en marcha deste recinto, no que o goberno de Vigo reformou e renovou a pista e mellorou os equipamentos, por exemplo cun novo equipo de son e 360 novos asentos. Segundo explicou o alcalde, o Concello adica 10,5 millóns de euros a reformas e novos pavillóns deportivos.

venres, 4 mai 2018
Abel Caballero recordou que un deslizamento de terras afectou á estrutura da pista do pavillón do Monte da Mina, que vén de ser reformada na súa estrutura coa instalación dun novo pavimento e melloras nos acabados e equipamentos.

O alcalde fixo balance dos investimentos previstos polo Concello de Vigo en pavillóns deportivos, que totalizan 10,5 millóns de euros. Así, e sumado ao recinto do Monte da Mina, o goberno vigués remodelou o pavillón da ETEA, renovou o pavimento do de Teis e actuou no pavillón central de Travesas e na pista vermella.

Ademais, engadiu o rexedor, a administración local está reformando os pavillóns baixo a bancada de Río, no estadio municipal de Balaídos, cun orzamento de 1,1 millóns de euros. O Concello aprobou asemade o proxecto de construción dun novo pavillón en Romil, cun orzamento de 2,2 millóns de euros, e ultima o proxecto doutro en Quirós, para o que reserva tres millóns de euros.

Por último, Abel Caballero subliñou que o goberno que preside agarda pola autorización urbanística da Xunta de Galicia para poder construir un novo pavillón deportivo en Matamá, para o que dispón de 3,4 millóns de euros. O alcalde reclamou á administración presidida por Núñez Feijóo a resolución "inmediata" dunha autorización pola que o Concello leva agardando "desde o ano pasado".

Deporte feminino
En rolda de prensa, o alcalde informou da aprobación por parte do goberno vigués das bases para a concesión de subvencións a entidades deportivas para a promoción do deporte feminino. Segundo explicou Abel Caballero, o Concello reserva 45.000 euros para clubs, asociacións e entidades deportivas con licencias femininas, unha convocatoria específica cuxa cantidade irá incrementándose en edicións sucesivas, segundo o compromiso do propio alcalde.