Escoitar

O Concello inviste un millón de euros na formación e inserción laboral da mocidade

A través da subvención do Fondo Social Europeo co que se formarán preto de 200 mozos vigueses de entre 16 e 30 anos en diferentes modalidades. Amais, o alcalde anuncia a próxima cubrición do patio do CEIP Virxe do Rocío, cun orzamento municipal de 275.000 euros e a sinatura de convenios por valor de 73.000 euros.

xoves, 27 xul 2017
A Xunta de Goberno Local aceptou na sesión deste xoves a subvención para a realización do proxecto "Vigo polo emprego da mocidade", do Fondo Social Europeo a través do Goberno Local, que asignou 1.048.000 euros, aceptando a petición do Concello na súa totalidade.

Con este programa, o goberno municipal formará a case 200 mozos de entre 16 e 30 anos co obxectivo de favorecer a súa integración no mercado laboral. Recibirán orientación e aprendizaxe en diferentes disciplinas: xestión de pemes, desenvolvemento de páxinas web, axudante de cociña e de camareiro, idiomas, fomento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, fomento de novas tecnoloxías de información e comunicación, búsqueda de emprego e redes sociais e emprego.

A Xunta de Goberno Local tamén sacou adiante o proxecto de execución da cubrición do patio do CEIP Virxe do Rocío cun orzamento base de licitación de 275.000 euros e un prazo estimado de obras de tres meses. O alcalde adiantou que o Concello tamén vai cubrir os patios do CEIP Carballal de Cabral e do CEIP Canicouva sendo unha "obriga e competencia da Xunta de Galicia, que non o fai". Sinalou que, con estas obras, o goberno local terá cuberto xa catro patios cun gasto total de 1.200.000 euros.

Convenios por valor de 73.000 euros
A Xunta de Goberno Local aprobou tamén o convenio de colaboración coa Sociedade Filharmónica de Vigo para o desenvolvemento da programación anual de concertos de 2017 cun importe de 18.000 euros, o convenio de colaboración coa Asociación Amigos da Ópera de Vigo para a realización do programa "Outono Lírico 2017" cun valor de 50.000 euros, dous acordos que puxo en valor como parte da política municipal de apoio a estas "dimensións musicais". Amais, quedou aprobado o convenio coa Asociación de Veciños Novo Vigo de Navia para colaborar coas súas actividades, que ten un importe de 5.000 euros.