Escoitar

Santi Domínguez anuncia que 16 edificios participarán nun proxecto da UE para acadar o 20% de aforro enerxético

O tenente de alcalde e presidente da Axencia Municipal da Enerxía, Santi Domínguez, anunciou este venres que 16 edificios públicos do Concello e a Universidade de Vigo, entre os que se atopan museos e instalacións deportivas, participarán no proxecto europeo Life Green City para potenciar o uso eficiente da enerxía. O nacionalista destacou que esta iniciativa ten o obxectivo "moi claro" de acadar un 20% de aforro no consumo enerxético e a redución do 10% nas emisións contaminantes.

venres, 11 mar 2011
1299850660Proxecto.JPG
"Este é un proxecto no que levamos traballando moitos meses e que agora ten a súa recompensa porque Vigo vai colaborar no Life Green City", comentou o tenente de alcalde na presentación da iniciativa. O nacionalista destacou que o proxecto busca "reducir significativamente o consumo de enerxía nos edificios nos que se poña en marcha. Para acadar este obxectivo controlarase o seu consumo de electricidade, auga e gas mediante a instalación de medidores intelixentes que recompilen datos. Deste xeito "vixiaranse os consumos nos edificios monitorizados", engadiu.

O Verbum, a Casa Galega da Cultura, as piscinas de Barreiro, Florida e Barreiro, Vigozoo, o polideportivo do Berbés, o pavillón de Navia, a Casa da Xuventude o Museo de Castrelos serán os edificios municipais nos que se implante este proxecto; mentres que por parte da Universidade serán previsiblemente o Reitorado, a Biblioteca Central, zona deportiva de Lagoas-Marcosende, o polideportivo universitario do campus de Pontevedra e a biblioteca universitaria do campus de Ourense.

O proxecto, de dous anos de duración, ponse en marcha en colaboración coa cidade francesa de Nantes e as empresas Vizelia, Eneas e Eurocuality. Respecto ao seu financiamento, Santi Domínguez explicou que recibe a máxima contribución da Unión Europea, o 50% do financiamento total do proxecto, de aproximadamente 1,7 millóns de euros. O resto é financiado asúmese coas achegas das empresas, a Universidade de Nantes e a Axencia Municipal da Enerxía. O tenente de alcalde sinalou que este proxecto servirá de folla de ruta "para posteriormente seguir ampliando o número de edificios e dependencias para acadar un maior aforro enerxético".

O xerente da Axencia Municipal da Enerxía, Bernardo Parajó, afirmou que este proxecto "pretende intervir na forma de utilizar os edificios mediante a concienciación dos seus usuarios e traballadores". Asegurou ademais que quere "demostrar que co cambio de comportamento pódese acadar o aforro de enerxía" e sinalou que a monitorización é a ferramenta que permitirá seguir o desenvolvemento do proxecto mediante a achega de información sobre os usos enerxéticos que se fan. En resposta ás preguntas dos medios explicou que a cuantificación do aforro económico integra a primeira fase do proxecto.
Descargar todas as imaxes