Escoitar

Santi Domínguez anuncia que a mostra "Unha pinacoteca para Galicia" abrirá o venres na Casa das Artes con 83 obras

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou este luns a exposición "Quiñones de León: unha nova pinacoteca para a Galicia" que, do 26 de novembro ao 13 de febreiro, exporá na Casa das Artes unha selección de 83 obras da colección municipal da plástica galega dos séculos XIX e XX. Na presentación, o nacionalista destacou que esta mostra, que se nutre dos fondos do Museo de Castrelos, é un avance da exposicón permanente que albergará a nova Pinacoteca.

luns, 22 nov 2010
1290431370pinacoteca.JPG
Santi Domínguez asegurou que as obras da Pinacoteca avanzan "a bo ritmo", pero que antes da súa inauguración "quixemos que a cidadanía vaia visualizando o que se atopará de xeito permanente na Pinacoteca". Para o tenende alcalde esta nova infraestrutura cultural figurará entre as máis importantes do noroeste español, e suporá un "fito histórico" no mundo da cultura viguesa.

O tenente de alcalde explicou que o comisario da mostra, Carlos López Bernárdez, fixo a selección de 83 obras representativas da plástica galega dos séculos XIX e XX, entre as que figuran o nome de autores como Laxeiro, Colmeiro, Castelao, Lugrís, Serafín Avendaño, Maside e Sotomayor. Anunción tamén que se poderá contemplar a última obra adquirida polo Museo de Castrelos, no ano 2009, que é un bodegón de Luis Seoane do ano 1956.

O nacionalista destacou, por outra banda, que das 83 obras, 10 foron restauradas especificamente para a mostra. "Queremos que a cidadanía teña a oportunidade de achegarse á mellor selección da plástica dos séculos XIX e XX", salientou Santi Domínguez.

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, subliñou pola súa banda que partindo do obxectivo de achegar a arte a toda a cidadanía, esta mostra organizouse cun discurso artístico novidoso na cidade de Vigo. Salientou que esta exposición é unha descrición diacrónica do mundo artístico "de como os autores plantexaron a plástica". Segundo apuntou o concelleiro nacionalista, o novidoso deste concepto artístico radica en que "grazas ao concepto artístico explícase a historia".

O director do Museo Castrelos, José Ballesta, afirmou que esta mostra é unha exposición histórica para o museo dende a súa inauguración en 1937, xa que é "a primeira vez que se desplaza tal volume de obras". Afondando na explicación de Eudosio Álvarez, destacou que cada obra da mostra hai que entendela como "unha obra de arte individual pero tamén como parte dun relato que conta unha historia", que neste caso axuda a entender a historia de Vigo e Galiza. "Axudará a entender quen somos e de onde vimos", sinalou.
Descargar todas as imaxes