Escoitar

Xabier Toba: “O Plan Xeral de Ordenación Municipal busca a estabilidade que permita o desenvolvemento da cidade”

martes, 25 set 2001
imx589.jpg
Xabier Toba
Trala adxudicación dos traballos de redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, o concelleiro de Urbanismo, Xabier Toba, explica os obxectivos deste documento. Segundo Toba, a principal finalidade do novo plan será a obtención “dun marco urbanístico estable que permita o desenvolvemento da cidade durante anos, de forma segura e eficaz, garantindo unha mellora na calidade de vida dos veciños e veciñas de Vigo”.

“Búscase que o novo planeamento teña en conta o crecemento sustentable da cidade, con definición dos espacios verdes, protección do patrimonio arquitectónico, etnográfico e histórico e que permita a rexeneración urbanística de bolsas de solo”, indicou Toba.

O concelleiro de Urbanismo explicou que o documento ten que ser capaz de definir espacios aptos para servir de soporte ás grandes infraestructuras e de determinar a localización e as características daquelas que deban crearse ou modificarse para potenciar o desenvolvemento socioeconómico comarcal de xeito compatible co Plan Estratéxico e coa Área Metropolitana.

A discusión dun documento inicial permitiu axustar o contido dos traballos de información urbanística e incorporar os obxectivos e aspiracións da Corporación municipal así como os criterios operativos máis indicados. “Foi necesario chegar a un acordo previo coa Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda que se plasmou nun convenio no que a colaboración técnica é fundamental para o transvase continuado de información entre o Concello e a Consellería, mediante a creación dunha comisión que permita a resolución dos problemas que xurdan para favorecer o escenario de consenso político e social”, sinalou o concelleiro.

Toba manifestou que o prego de condicións técnicas e administrativas foi debatido polo alcalde, responsables de grupos municipais e polo Consello Municipal de Urbanismo e obriga a rendir contas en todo momento, dentro da liña de participación e comunicación cos grupos, para que todos poidan contribuír no traballo.
Descargar todas as imaxes