Escoitar

O alcalde salienta que o plan estratéxico de Política Territorial solventa "as limitacións viarias e de comunicación" de Vigo

Abel Caballero mostrouse "extraordinariamente contento" das actuacións propostas para Vigo pola Consellaría de Política Territorial no seu Plan Íntegra, e fixo balance dalgunhas das urbanas, como os túneles entre Beiramar e Bouzas, entre Antonio Palacios e Portanet ou entre Julián Estévez e a ETEA. Xunto co novo PXOM, "todo o que a cidade soñaba xa está en marcha", salientou o alcalde.

mércores, 30 abr 2008
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo balance do Plan Estratéxico da Consellaría de Política Territorial para Vigo, o que, xunto co desenvolvemento do novo Plan Xeral, solventa "as limitacións viarias e de comunicacións" da cidade. O alcalde mostrouse "extraordinariamente contento" de que "todo o que a cidade soñaba xa está en marcha, tanto en proxectos como en comunicacións".

O rexedor repasou as actuacións urbanas, e destacou o túnel que unirá Beiramar e Bouzas, continuando o xa previsto ata a rúa Coruña, e finalizando o soterramento de todo o litoral urbano; o que unirá Antonio Palacios e Portanet, que ven solventar os problemas de tráfico do primeiro cinto; e que unirá Julián Estevez coa ETEA, proxecto xa incluído no PXOM con 15 millóns de euros comprometidos no convenio coa Zona Franca, máis o aporte de recursos de Política Territorial. Esta "obra estratéxica para Vigo e moi importante para Teis" desatascará o tráfico no barrio vigués, e contará cunha saída máis na autopista A-9 directa á ETEA. Este túnel estará rematado en 2012, segundo avanzou o alcalde.

O túnel da Praza de España, prevista pola Consellaría e tamén no novo PXOM, estaría rematado no 2011, sinalou Abel Caballero, ao que se adhire a rede de viais soterrados prevista para o entorno da Praza de América. A modo de exemplo, a rúa Coruña quedará conectada coa Gran Vía baixo terra.

O alcalde salientou a construción do "primeiro gran cinto de Vigo" de tráfico urbano, coa comunicación soterrada entre a estación de autobuses, Gregorio Espino ata o nó de Isaac Peral, onde se uniría coa rede de túneles do litoral vigués. Abel Caballero tamén destacou a conexión directa da autopista A-9 coa futura estación intermodal de Urzáiz, que aunará buses e trens.