Escoitar

O pavillón de Lavadores acollerá o 2, 3 e 4 de maio a Fase de Ascenso de Balonmán Feminino á primeira categoría

A Fase de Ascenso de Balonmán Feminino á primeira categoría celebrarase este venres, sábado e domingo, 2, 3 e 4 de maio repectivamente, no pavillón de Lavadores, segundo anunciou este martes o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso. Na competición, que comezará ás 18 horas do venres, participarán catro equipos, o Calfoncal de Vigo, o S.D. Nueva Montaña de Cantabria, o BM. Aula Cultural Yarbiss de Castela e León e o BM Petronor Muskiz do País Basco, "que garantirán un extraordinario espectáculo deportivo durante os tres días do torneo", asegurou o concelleiro.<br /> <br />

martes, 29 abr 2008
"É toda unha satisfacción ter en Vigo a oportunidade de acoller unha fase de ascenso", salientou Xabier Alonso, quen lembrou que o balonmán é un deporte "moi arraigado na cidade". Facéndose eco das palabras do entrenador do quipo vigués, segundo o cal "aínda que é imprescindible pelexar polo ascenso, este obxectivo é posible", o concelleiro de Deportes subliñou que o "factor campo" debe ser decisivo e "servir de estímulo para as xogadoras". Así, fixo un chamamento á cidadanía para que se desprace ata Lavadores, xa que considera que se o público responde "seguro que é máis doado acadar o obxectivo do ascenso".

Os partidos celebraranse o venres e sábado ás 18.30 e 20.30 horas e o domingo ás 10.30 e 12.30 horas. O primeiro deles, o venres ás 18.30 horas, enfrontará ao Nueva Montaña e ao Petronor Muskiz; no segundo, o mesmo venres ás 20.30 horas, xogarán o Calfoncal Lavadores e o Aula Cultural Yarbiss. Na xornada do sábado, ás 18.30, enfrontaranse o Aula Cultural Yarbiss e o Nueva Montaña; e ás 20.30 horas o Calfoncal Lavadores e o Petronor Muskiz. Finalmente, o domingo ás 10.30 xogarán o Petronor Muskiz e o Aula Cultural Yarbiss, e ás 12.30 o Nueva Montañla e o Calfoncal Lavadores pecharán a competición.