Escoitar

O Concello subvenciona con 215.000 euros comedores e actividades extraescolares

O convenio, asinado entre o Concello de Vigo e FOANPA, ven consolidar e ampliar a participación activa dos axentes educadores na procura dunha mellor calidade na ensinanza. Os 215.000 euros diríxense á xestión de comedores e actividades extraescolares e de formación dos alumnos dos centros públicos de Vigo.

mércores, 30 abr 2008
1209559108alcaldeeducacion.jpg
O Concello de Vigo, a través da Concellería de Educación, ven de asinar este mércores un convenio de colaboración coa Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos e Alumnas de Vigo e Comarca (FOANPA) polo que subvencionará os comedores e as actividades extraescolares e de formación dos centros públicos cun investimento de 215.000 euros.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a concelleira de Educación, Laura López Atrio, rubricaron este texto polo que o goberno local pretende consolidar e ampliar o proxecto de participación activa de todos os axentes involucrados na educación, na procura dunha mellor calidade da ensinanza.

O convenio, vixente ata finais de 2008, comtempla asemade que FOANPA e Concello manterán reunións periódicas nas que cooperarán na difusión das políticas educativas municipais e na identificación das posibles melloras a efectuar. Igualmente, o Concello pon a disposición da Federación un aula-seminario no Instituto Municipal de Educación para o axeitado desenvolvemento das súas funcións e tarefas.

41 comedores en Vigo

A FOANPA xestiona desde hai xa cinco cursos, en colaboración coa dirección dos centros de ensino correspondentes, os 41 comedores escolares existentes en Vigo, a maiores dos nove que se sosteñen con fondos da Xunta de Galicia.

Nos comedores organizados pola FOANPA sérvense preto de 1527 comidas diarias, correspondentes aos aproximadamente 1152 comensais fixos máis os 375 comensais-bolseiros que perciben beca municipal do Servizo de Benestar Social. Contan con 130 coidadoras, que se encargan do coidado dos menores e da perfecta marcha dos comedores.

Os locais dos comedores foron habilitados polo Concello de Vigo. O Laboratorio Municipal de Vigo realiza controis bromatolóxicos periódicamente. O servicio de comedor compleméntase coa realización de actividades extraescolares en horario de mañá cedo e de tarde.
Descargar todas as imaxes