Escoitar

Turismo entrega 350 tronas infantís a máis de 130 establecementos de restauración e hostelería da cidade

No marco do plan de modernización e mellora dos servizos que ofertan os establecementos de restauración e hoteleiros de Vigo que se está desenvolvendo dende Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Comercio e Turismo, comezou xa a entrega de 350 tronas infantís a 117 restaurantes e 21 hoteis da cidade. "Queremos que os establecementos de Vigo teñan servizos axeitados para os seus usuarios e usuarias e tiñamos constancia de que esta era unha das súas demandas", salientou o tenente de alcalde, o Santi Domínguez, durante a entrega simbólica das primeiras cadeiras, que tivo lugar este mércores no hotel Husa – Bahía de Vigo.

mércores, 30 abr 2008
1209558853tronasbebes.jpg
"A día de hoxe aínda hai moitos establecementos da nosa cidade que non teñen cadeiras para os máis pequenos e nós, dende a Concellería de Comercio e Turismo, queremos contribuír na aposta pola excelencia dos locais vigueses", subliñou Santi Domínguez, quen indicou que esta constitúe a primeira fase da entrega, e que se ampliará posteriormente en función da demanda dos propios establecementos. Así mesmo, explicou que o número de cadeiras que se entreguen a cada restaurante ou hotel faraa a Asociación Provincial de Hosteleiros en función das prazas que teñan cada un deles.

O tenente de alcalde, durante a explicación desta iniciativa, agradeceu ao presidente deste colectivo, José Magaz, "porque é moi doado traballar coa súa colaboración", asegurou. Pola súa banda, o presidente da Asociación Provincial de Hosteleiros, gabou lo traballo desenvolvido pola Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Comercio e Turismo e agradeceu persoalmente a Santi Domínguez "a súa colaboración".

Respecto á oferta formativa para comerciantes e hosteleiros que a Concellería de Comercio e Turismo vén de poñer en marcha, Santi Domínguez indicou que os cursos de inglés xa están en marcha "cun gran éxito", posto que os dous grupos formados teñen as súas prazas cubertas. "A boa resposta dos comerciantes e hosteleiros lévannos a ampliar esta oferta formativa próximamente", engadiu.

Ademais, o tenente de alcalde manifestou que a nova sinalética do Casco Vello "está xa imprimíndose", co obxectivo de colocala e retirar a vella, "para non crear ningún tipo de confusión". Lembrou que os edificios máis salientabeis do casco histórico vigués contarán con carteis explicativos e "farase tamén o esforzo de sinalizar con placas explicativas os edificios máis importantes dos barrios e parroquias de Vigo".

No tocante ao Plan Sectorial de Vigo, presentado onte polo presidente da Xunta, Santi Domínguez manifestou que ten "moi boa pinta", aínda que matizou que o BNG quere "velo no papel e coñecer os proxectos que o integran polo miúdo", e sobre todo, "queremos ver a súa concreción nos orzamentos, si se quere chegar ao 2020 cos proxectos rematados", subliñou o tenente de alcalde. "Todo o que sexan investimentos para Vigo e a súa área sempre será benvido e aplaudido polos nacionalistas, pero queremos que se concrete", salientou.
Descargar todas as imaxes