Escoitar

Santi Domínguez demanda que a Autoridade Portuaria resposte ás alegacións presentadas polo BNG ao Plan de Usos do Porto

Tras a reunión mantida este luns polo tenente de alcalde e o presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Paz, Santi Domínguez demandou "dentro da exquisita cordialidade" que a Autoridade Portuaria resposte ás alegacións presentadas polo BNG ao Plan de Usos do Porto. Ademais, Santi Domínguez manifestou asemade a pertinencia de que o resto de formacións políticas da cidade expresen a súa opinión sobre a planificación portuaria antes de sentarse a negociar sobre a mesma.

luns, 7 abr 2008
1207573343jesuspaz2.jpg
"O Plan de Usos do Porto é un elemento necesario, e estamos ante unha moi boa oportunidade para levalo adiante", indicou o tenente de alcalde, quen lembrou que este plan ten unhas "alegacións moi claras presentadas polo BNG no seu debido tempo que ata o día de hoxe non foron respostadas". Neste sentido Santi Domínguez reclamou que o espírito de traballo e colaboración mantido polo BNG sexa levado a cabo tamén polas outras forzas políticas, como quedou plasmado na aprobación do Plan Especial do Porto. "Son coñecidas pola Autoridade Portuaria as nosas alegacións e estamos esperando a que as outras forzas políticas se definan " salientou. Calificou de "debilidade política" a actitude do Partido Popular, segundo a cal manifestarán a súa opinión unha vez que o Goberno local diga o que vai facer, pero tamén sinalou a necesidade de que o Partido Socialista exprese a súa postura sobre o futuro do Porto.

Santi Domínguez asegurou que o BNG "está empeñado" para que o Porto de Vigo mellore, pero tamén quere conservar o patrimonio natural que representa ría. Ademais, sinalou que a postura do BNG "é sobradamente coñecida", en referencia á oposición ao recheo do Areal, pero que non se lle pode obligar a cambiar de postura "antes de sentarse a negociar. Tras agradecer a deferencia do presidente da Autoridade Portuaria e as súas explicacións "claras e concretas", o tenente de alcalde salientou que ao BNG lle falta o "proxecto global" que definirían o Plan de Usos, o Plan Director e o Plan Estratéxico do Porto, pero que pese a iso está disposto a falar "o que faga falta". Neste sentido estableceu un símil coa aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal e sinalou que o BNG en primeiro lugar precisou definir a filosofía do PXOM para posteriormente "falar das actuacións concretas".

Pola súa banda, Jesús Paz, agradeceu a Santi Domínguez a deferencia de achegarse á Autoridade Portuaria para atender a súa solicitude de xuntanza e entregarlle o documento sobre a planificación do Porto e abrir así a reflexión.
Descargar todas as imaxes