Escoitar

O goberno local aproba os proxectos básicos de execución de dúas novas piscinas en Barreiro e Florida

A cidade de Vigo contará no 2009 con dúas novas piscinas, xa que a Xunta de Goberno Local aprobou este luns os seus proxectos básicos de execución. As novas instalacións deportivas estarán ubicadas en Barreiro e na Florida.

luns, 17 mar 2008
Así o anunciaron hoxe nun rolda de prensa conxunta o tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso. As novas instalacións deportivas, que contan cun periodo de execución de catorce ou quince meses e un orzamento de quince millóns de euros, estarán ubicadas nunha parcela de 4.000 metros cadrados en Barreiro e outra de 4.766 metros cadrados na Florida.

"É unha grande satisfacción para min o feito de que dende o goberno se concreten pasos para levar adiante a idea do deporte como instrumento fundamental para mellorar a saúde", salientou Xabier Alonso, quen incidiu no aspecto de que as novas instalacións serán "moito máis que piscinas", posto que contarán cunha ampla gama de instalacións relacionadas coa auga. Así, según explicou o concelleiro de Deportes, o complexo deportivo de Barreiro estará dotado con tres vasos de piscina, un para o uso polivalente, outro de aprendizaxe e outro con camas de auga, spa e chorros de masaxe. Haberá unha zona de tratamentos con cabinas de masaxe, chorro a presión, sauna, baño turco, seis salas de actividades, dúas pistas de pádel cubertas e un solarium exterior. O complexo terá tamén dous vestiarios xerais, dous vestiarios de grupos, un adaptado para persoas con dependencia, e dous para monitores.

O complexo deportivo que se construirá na Florida, pola súa banda, terá tamén "unha ampla dotación", segundo explicou Xabier Alonso. Así, estará dotado cunha piscina con tres vasos, unha zona de tratamentos con sauna, baño turco, catro duchas de esencias, salas de actividades e unha sala cardiovascular, ademais de dous vestiarios xerais, dous de grupos, unha para persoas con dependencia e dous para monitores.