Escoitar

A Concellería de Benestar Social inicia este sábado o primeiro Foro de Emigración que se celebra en Galicia

A Concellería de Benestar inicia este sábado, 15 de marzo, o primeiro Foro de Emigración que se celebra en Galicia. O encontro, que se desenvolverá no Centro Cultural Caixanova, nace como un espazo de encontro e traballo entre o colectivo de persoas inmigrantes e o movemento asociativo vigués. O obxectivo desta iniciativa, á que se comprometeu a concelleira María Méndez tras a reunión que mantivo en decembro con 18 colectivos de inmigrantes e emigrantes retornados da cidade, é o de analizar a situación dos emigrantes e inmigrantes non só en Vigo, senón tamén no resto de Galicia.

venres, 14 mar 2008
1205503793benestar140308.jpg
A través de tres sesións de traballo, que terán lugar ao longo dos meses de marzo e abril, preténdense fomentar a posta en marcha de novas estratexias colaborativas de cara a activación de redes de dinamización comunitaria e de mellora da calidade de vida das persoas inmigrantes da nosa cidade. A primeira xornada, que terá lugar mañá de 17 a 20 horas, quere ser un lugar para o coñecemento, o intercambio de ideas e o debate de propostas encamiñadas a facer unha primeira identificación de necesidades comúns, segundo manifestou María Méndez.

O Foro, ao que están convidadas o conxunto das entidades de inmigrantes e do ámbito asociativo do Concello, organízase en tres obradoiros de traballo; o primeiro deles tratará da inmigración e a sociedade civil e nel analizaranse as relacións de cooperación no tecido social vigués; o segundo obradoiro estará dedicada á inmigración e a integración e en concreto ao traballo e a interculturalidade desde o ámbito educativo. Finalmente, no terceiro obradoiro falarase da administración local e a mediación intercultural. A partir dun diagnóstico inicial, onde recoller as carencias e potencialidades sobre o funcionamento, visibilidade social, fórmulas de traballo e relacións entre os sectores, preténdese formular estratexias de traballo futuras entre o entramado civil e entre este e a administración municipal.

Para participar nesta iniciativa é preciso confirmar a asistencia no correo imigracion@vigo.org, ou nos teléfonos 986 442 356 e 648 188 711.
Descargar todas as imaxes