Escoitar

A exposición de Darío Basso "Algoritmi dixit" inaugúrase mañá na Casa das Artes

A Casa das Artes acolle dende mañá 14 de marzo e ata o vindeiro 13 de abril a exposición "Algoritmi dixit", do artista Darío Basso. Trátase dun proxecto integrado por unha instalación que envolverá o patio interior da Casa das Artes e dous vídeos con música de instrumentos exipcios (nay), ademais de imaxes do proceso pictórico levado a cabo polo artista galego, ocupará un contorno expositivo que desaparecerá baixo unha tonelada de pintura que o cubrirá por completo.

xoves, 13 mar 2008
12054163021228.jpg
A exposición, organizada pola Concellería de Cultura, pretende incidir nas correspondencias entre artes, ciencias e culturas de civilizacións dispares e antitéticas ao longo da historia como a occidental e a oriental. A consigna principal é romper as barreiras culturais e sociais, reinventando as relacións e semellanzas contidas dentro dun espazo mimetizado onde cohabitan o real, o visual e o icónico. Inmensas haimas cairotas, en total 23 pezas de 430 x 260 centímetros cada unha, impresas con patróns xeométricos que utilizan teselacións matemáticas e serven no seu contorno habitual para protexer e ornamentar edificios en construción, conviven aquí coa pintura abstracta. O propósito de unificación de culturas evidénciase xa na elección do soporte, as inscricións nas teas evocan a memoria do saber compartido por varias civilizacións, mentres a presenza arquitectónica abrangue todo ese coñecemento, identificando ao conxunto coas mesmas leis matemáticas. A superficie plana das teas adquire nesta instalación a tridimensionalidade do espazo arquitectónico, ampliando o eido de acción do pictórico e permitindo a extrusión da pintura, que orixina unha nova epiderme polícroma, densamente tecida dentro dun mesmo espazo total: falamos de pintura expandida. Peles que albergan estruturas provistas de memoria, cheas de referencias, identidades,de vida sedimentada; peles que se rozan e dilúen as fronteiras entre o interior e o exterior, o home e o seu contorno, o observador e o obxecto observado.

Darío Álvarez Basso, aínda que nacido en Caracas no ano 1966 se traslada a Galicia á idade de tres anos, é un dos pintores galegos con maior proxección internacional. Amosa unha vocación artística moi precoz, xa que aos cinco anos gaña un premio de debuxo sobre Castelao. Fórmase nos obradoiros do Círculo de Bellas Artes orientados por Arroio, Villalba ou Guinovart, onde inmediatamente destaca pola súa personalidade, imposible de reducir a condutas preestablecidas. Expón con regularidade tanto en España coma no estranxeiro e as súas últimas obras puideron verse hai moi pouco tempo nunha exposición individual en Santiago de Compostela, en Oporto e na Coruña. As súas obras atópanse representadas nas coleccións do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, o ARTIUM, o Centro Galego de Arte Contemporánea ou a Colección Banco de España, así como en importantes coleccións internacionais.

A súa evolución pictórica está marcada polas súas longas estadías en diferentes lugares como Madrid, París, Roma, Pissignano, Coruxo, Nova York, Choroní, Marrocos, entre outros lugares, e estas incursións en culturas tan afastadas entre si son a orixe da expresión da súa mirada poética e persoal cara a unha realidade humana, dos seus soños e das súas contradicións, sen esquecer un fondo compromiso social que o artista amosa en toda a súa obra.

O saxofonista e compositor Gautama del Campo (Sevilla, 1967) compuxo a música para este proxecto con instrumentos tan primitivos coma o nay exipcio. Na actualidade, compón e toca con Benjamín Ezcoriza e é director musical do programa "El Club de la Comedia", de "El Club de Flo" e de "La Noche de Fuentes y Cía". Ten composto a música de obras de teatro como "Cincomujeres.com", "Hombres y mujeres y punto". Ten traballado con artistas e grupos como Kiko Veneno, Revólver, Jorge Pardo, Nono García, Raimundo Amador, María del Monte, Caledonia Blues Band, Javier Vargas y la Vargas Blues Band, Efectomariposa ou Enrique Urquijo, entre outros.

A mostra pódese visitar na Casa das Artes dende mañá e ata o 13 de abril en horario de luns a venres de 18 a 21.30 horas; os sábados de 11 a 14 horas e de 18 a 21.30 horas; e os domingos e festivos de 11 a 14 horas.
Descargar todas as imaxes