Escoitar

A Concellería de Xuventude presenta a súa nova páxina web

A Concellería de Xuventude presentou este mércores a súa nova páxina web. Nela, os mozos e mozas de Vigo atoparán información sobre os distintos servizos da Concellería, novas de interese e un espazo de participación no que poderán comunicarse con persoas da súa idade.

mércores, 20 feb 2008
1203517156xuventudeweb200208.jpg
A web www.xuventudevigo.org foi presentada pola concelleira Iolanda Veloso, quen a cualificou de "sinxela, clara, fácil de utilizar e moi participativa". O sitio da Concellería de Xuventude en Internet conserva o enderezo co que viña funcionando, pero trátase en realidade dunha páxina nova cuxa confección supuxo un investimento de 4.000 euros. O mantemento da páxina custará outros 10.000 euros anuais, segundo informou a xefa de servizo de Xuventude, Pilar Carneiro.

Iolanda Veloso explicou que a Concellería procura cumprir tres obxectivos fundamentais coa elaboración da súa nova web. En primeiro lugar, pretende "unificar os distintos servizos da Concellería para que sexan accesibles a través dun só punto". Ademais, coa nova páxina quérese "descentralizar a información de interese" para a xente nova e "fomentar ao máximo a participación" deste sector da poboación.

Deste xeito, a páxina web da Concellería inclúe unha sección sobre a Casa da Xuventude, así como información sobre o Punto Xove, o programa "Súbete ao Castro" e locais de ensaio na sección "Máis", e datos de interese sobre outros programas municipais para a mocidade ("Verán Xove", "Noites Vivas" e "Compartir coche") reunidos no apartado "Móvete".

Ademais, a sección "Entérate" inclúe información sobre concursos, certames literarios, ofertas de traballo ou viaxes, coa posibilidade para os mozos e mozas de se subscribiren ao Boletín de Información Xuvenil (BIX) para recibiren estes datos nos seus correos electrónicos.

Así mesmo, a través da páxina web de Xuventude os mozos e mozas poden participar en varios foros nos cales poden deixar constancia das súas opinións e contactar con persoas da súa idade. Iolanda Veloso aclarou que dentro destes foros haberá liberdade de expresión "dentro do respecto a todo o mundo".

Outra dos obxectivos que se tiveron en conta á hora de elaborar a nova web foi o da accesibilidade, e para iso a páxina ofrece información de utilidade para que todos os usuarios poidan acceder á páxina independentemente dos dispositivos físicos e dos navegadores que empreguen.
Descargar todas as imaxes