Escoitar

O Concello ordena o polígono industrial do Raviso, en Sárdoma

xoves, 13 set 2001
O Goberno municipal presentou o avance do Plan Especial de Reforma Interior do Raviso Industrial, un documento que servirá para ordenar urbanisticamente unha área de 450.000 m2 na parroquia de Sárdoma. O avance do Peri vai ser exposto ao público nos próximos días, co fin de que as persoas interesadas presenten suxestións.

O Plan busca ordenar un dos máis importantes asentamentos industriais de Vigo, situado a carón da Avenida de Madrid, que medrou sen ningún tipo de planificación e que adoece das necesarias infraestructuras. Os obxectivos do Plan son: dotar a zona industrial de infraestructuras, deslindar o espacio industrial do residencial para favorecer as condicións de vida dos residentes nesa área, e rexenerar 50.000 m2 de zona verde na ribeira dos ríos Lagares e Eifonso.

A elaboración deste plan enmárcase na estratexia do Goberno municipal de crear solo industrial (Parque Tecnolóxico, A Garrida, Baruxáns) e de ordenar o xa existente.



A sentencia que anula parcialmente o planeamento “Punta Pinos, Porto-Canido” non afecta ás construccións existentes

O Consello da Xerencia de urbanismo analizou un informe xurídico sobre as consecuencias da sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anula o acordo da Xunta de Galicia de aprobación do PXOU do 93 no referido ás unidades de actuación Punta Pinos e Porto-Canido. O fallo do Tribunal condena á administración a “dar cumprimento ás reservas de aparcamento previstas na Lei de Costas”.

Segundo este informe, a sentencia non obriga en ningún caso á demolición das vivendas construídas nese ámbito. A suposta infracción que motiva a anulación parcial é o “vicio de omisión” formal no Plan Xeral dunha expresa reserva de aparcamento de automóbiles. A Administración municipal é que ten a competencia para determinar o número e ubicación dos aparcamentos precisos, polo que no informe se conclúe que para executar a sentencia abondaría con completar as fichas de características das unidades de actuación Punta Pinos e Porto-Canido fixando un estándar de aparcamento.

Tras estudiar este informe, o Consello da Xerencia acordou iniciar os trámites oportunos para completar as fichas de características das UA “3-Punta Pinos” e “4-Porto” do Pxou-93 establecen un ratio de prazas de aparcamento no cadro denominado “Reserva mínima para dotacións”. Deste xeito, darase cumprimento á sentencia do TSXG.