Escoitar

O Concello actualizará o vindeiro ano os impostos e taxas municipais conforme á suba real do IPC

mércores, 12 set 2001
O Goberno municipal levará ao próximo pleno ordinario que celebre a corporación a Ordenanza Fiscal para o ano 2002. Deste xeito, poderase pechar o presuposto de ingresos do Concello. A proposta do Goberno é a de actualizar os impostos e as taxas aplicando a variación real do Índice de Prezos ao Consumo entre xuño de 2000 e xuño de 2001. Iso supón un incremento do 4,2%.

O Concello manterá todos os beneficios fiscais que se aplicaron no presente exercicio: rebaixas no IAE pola execución de obras fronte ao establecemento comercial, apoio a empresas de nova creación, execcións de taxas ás familias con ingresos baixos...

No caso do Imposto de Bens Inmobles o incremento do tipo impositivo será do 2,14% para compensar a diferencia entre a variación real do IPC e a variación catastral establecida pola Lei de Presupostos Xerais do Estado para o ano 2001.

O alcalde tamén someterá a aprobación plenaria un expediente de “conversión de pesetas a euros” relativo a aquelas cantidades expresadas en pesetas que constan en ordenanzas fiscais e de prezos públicos que non son obxecto de modificación para o exercicio 2002.