Escoitar

O alcalde presenta o proxecto para o novo centro sociocultural de Valadares

martes, 11 set 2001
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, entregoulle aos representantes do Centro Veciñal e Cultural de Valadares o proxecto de construcción do seu novo centro sociocultural. O alcalde cumpre así o seu compromiso de apoiar a creación dunha nova dotación para a parroquia que permita desconxestionar o actual local do CVCV. O apoio municipal concrétase na cesión dos terreos necesarios para a construcción do edificio e na redacción do proxecto.

O centro sociocultural ubicarase a carón do pavillón polideportivo, nunha parcela que xa dispón dos servicios básicos. O proxecto recolle a creación dun auditorio con capacidade para 500 persoas e duns locais anexos para ensaios da banda de música, do coro e do grupo de teatro. Tamén se habilitan vestiarios, aulas de formación e unha biblioteca. O edificio contará ademais con oficinas, unha sala de xuntas e unha cafetería. O presuposto é de 258 millóns de pesetas.

A directiva do CVCV ten previsto asinar un convenio coa administración autonómica para que financie a execución deste proxecto elaborado polo Concello.