Escoitar

A Corporación municipal fai un chamamento á cidadanía para que participe na campaña do Día Europeo sen Coche

mércores, 12 set 2001
imx540.jpg
Día sen coche
O concelleiro de Tráfico, Xoaquín de Acosta, presentou a campaña organizada en Vigo con motivo do Día Europeo “A cidade, sen o meu coche” que se celebrará o sábado 22 de setembro. O obxectivo desta iniciativa é o de concienciar a poboación sobre a necesidade de facer unha utilización racional dos vehículos privados e fomentar o uso de transportes alternativos.

Durante a xornada reforzarase o servicio de transporte público para fomentar que os cidadáns deixen os seus vehículos particulares. Ademais, limitarase o tráfico de vehículos en dúas zonas da cidade: a rúa Urzaiz (entre Gregorio Espino e Martínez Garrido e o centro histórico (Casco vello e contorno da Alameda de Compostela). Para facilitar o aparcamento dos residentes destas áreas aumentaranse as prazas de estacionamento en Jenaro de la Fuente e o Areal e funcionarán de xeito gratuíto os aparcadoiros da praza da Estrela e das Avenidas.

Medirase o número de viaxeiros que ese día utilicen o transporte público, a contaminación atmosférica e o ruído, para enviar eses datos ó Ministerio de Medio Ambiente e facer unha posterior avaliación da xornada.

Distribuiranse trípticos, carteis e caramelos con información sobre a campaña. Un vídeo divulgativo sobre a experiencia vivida o ano pasado noutras cidades envióuselle ás asociacións culturais e veciñais. Nos centros escolares vaise repartir unha guía didáctica sobre a problemática do tráfico nas cidades.

Actividades

O día 22, nenos e maiores poderán participar nunha marcha ciclista que sairá do mercado do Calvario ás 11:00 horas. Haberá roteiros con guía polo centro histórico que partirán ás 12:00 e ás 18:00 horas da praza da Princesa. Tamén se organizaron concertos de bandas de música ás 12:00 na praza Maruxa Mallo e nos xardíns das Avenidas ás 13:00 horas.

Pola tarde, haberá carreiras de patíns, patinetes e bicicletas a partir das 17:00 na praza de Compostela e teatro de monicreques ás 19:00 na praza da Constitución.

Unha exposición sobre a problemática do uso do vehículo privado nas cidades poderá ser visitada na lonxa do Concello do 14 ó 21 de setembro. O sábado 22 trasladarase ós xardíns das Avenidas, onde estará exposto un coche ecolóxico.

O enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos Fernando Nebot ofrecerá unha conferencia, o martes 18 ás 20:00, no Centro Cultural Caixanova titulada ”A cidade: un espacio para a mobilidade e accesibilidade das persoas”.

”Peonalización e cidade sostible” será o título da conferencia impartida polo ex-alcalde de Gastéiz José Ángel Cuerda o mércores 19 ás 20:00 na sala de conferencias do Centro Cultural Caixanova.

Máis información

Máis información
Descargar todas as imaxes