Escoitar
Cincocentas persoas colaboran, de forma desinteresada, na organización

A Festa da Reconquista potenciará a participación cidadá nos actos programados no barrio histórico

xoves, 22 mar 2001
imx50.jpg
O Concello de Vigo aposta polo fomento da participación cidadá nas actividades programadas con motivo da Festa da Reconquista que se desenvolverán do venres 23 ó mércores 28 de marzo no barrio histórico.

Esta quinta edición da celebración pretende dar a coñecer e potenciar o barrio histórico nos ámbitos social e cultural. A Festa da Reconquista servirá para simbolizar a fachenda viguesa na recuperación da cidade.

O programa de actividades comeza o venres 23 de marzo ás 19:00 coa interpretación de danzas bretonas, dirixidas por Suso de Monteira, na Praza da Constitución. Ás 20:30 iniciarase a segunda parte deste obradoiro.

O sábado 24 de marzo ás 18:00 realizarase un obradoiro de bailes agarrados tradicionais galegos, ás 19:30 farase un percorrido pola muralla da cidade e haberá diversas animacións polas rúas. O obradoiro de bailes tradicionais impartido por Luís Prego comezará ás 20:30.

O domingo 25 de marzo ás 18:00 proseguirá o curso de danzas bretonas na Praza da Constitución.

A inauguración do mercado de artesanía tradicional que contará cun cento de postos, tanto de profesionais como de colectivos interesados, será o martes 27 de marzo ás 18:00. Media hora despois, Paulo Sá Machado ofrecerá unha conferencia sobre ”O tenente Almeida uma personalidade a descubrir” no Instituto Camoes. Ás 21:00 farase o baile da fraternidade franco viguesa, na Praza da Cosntitución, co grupo tradicional bretón Spontus e os grupos de música tradicional galega Cuncheiros, Carunchos e Xuliosmallas. Este mesmo día celerarase o acto de recoñecemento ós ”Vigueses Distinguidos” e a concesión da Medalla de Ouro da Cidade.

O mércores 28 de marzo, Día da Reconquista, o mercado popular de oficios e artesanía permanecerá instalado na Praza da Princesa, Almeida, Triunfo e Colexiata desde as 10:00. Ás 12:30 comezará a representación teatral coa ocupación do exército de Napoleón, a toma da vila e a rendición do pobo. Defínense as estratexias para a defensa e a continuación prodúcese o asalto ó castelo a través da Porta da Gamboa e a loita de veciños contra as tropas napoleónicas. Alto ó fogo e rendición das tropas. Desprazarase a acción á Estación Marítima para a despedida das tropas napoleónicas e realizarase a Acción de Gracias ó Cristo da Victoria na Colexiata. A solta de pombas, as animacións de rúa e os bailes francovigueses constituirán os actos simbólicos pola paz, para dar paso á celebración da victoria coa lectura do Decreto de declaración da Cidade de Vigo, cos bailes de fraternidade e cantigas que amenizarán a festa.

Xa pola tarde, os grupos Spontus, Cuncheiros, Carunchos e Xuliosmallas actuarán na praza da Constitución ás 18:00, para concluír os actos cunha función de Monicrekes de Kukas ás 20:00 na Praza da Princesa.
Descargar todas as imaxes