Escoitar

Escolares Bretóns visitan Vigo interesados na súa cultura marítima

mércores, 21 mar 2001
Un grupo de 50 estudiantes realiza unha extensa visita á provincia de Pontevedra invitados pola Federación Galega pola Cultura Marítima.

A visita rematará na cidade de Vigo, onde os perto de cincuenta estudiantes do Lycée Maritime de Le Guilvinee (Bretagne-France) e os seus profesores, serán recibidos pola concelleira de Patrimonio Histórico, Carme Martínez Corbalán, no decurso dun almorzo que se celebrará o xoves, día 22, ás 9,00h. na planta 11ª do Concello.

A viaxe, organizada pola Federación Galega pola Cultura Marítima, ten como obxectivo principal o de coñecer o mundo do mar en Galicia dun xeito integral: cultura marítima, potencialidade económica, planos de estudios da formación profesional, cociña, música... O seu interese pola cidade xurde, precisamente, da súa formación, xa que logo os xóvenes cursan estudios similares ós náutico pesqueiros.

Os rapaces visitaron xa o Instituto de Acuicultura da Illa de Arousa, o Acuarium e o porto pesqueiro de O Grove, onde coñeceron unha das máis senlleiras embarcacións tradicionais de Galicia, a dorna, e coñeceron o pobo mariñeiro de Combarro e a Lonxa de pesca de baixura de Portonovo. Despois da súa visita ó Concello de Vigo, o grupo visitará o Instituto Náutico Pesqueiro de Bouzas, unha conserveira e unha fábrica de redes, para rematar a súa estadía cun paseo polo Barrio Mariñeiro do Berbés e o barrio histórico da cidade.