Escoitar
O grupo Xácara actuará o mércores ás nove da noite na Concatedral de Santa María

O ciclo de Música Sacra comeza cun concerto de arias e cantatas de Bach

martes, 20 mar 2001
O ciclo de Música Sacra que organiza a Concellería de Cultura baixo o epígrafe “Música e Semana Santa en Europa” ábrese cun concerto dedicado, en exclusiva, ás arias e cantatas que compuxo J.S. Bach, un dos autores que mellor comprendeu e plasmou o espírito da música relacionada coa temática relixiosa.

Un dos grupos que mellor captou, nos últimos anos, a composición de Bach é, sen dúbida, Xácara. Fundado hai oito anos nas Palmas de Gran Canaria, agrupa a unha serie de músicos que se especializaron previamente noutros grupos de cámara e orquestras. Ó constituí-la nova formación centraron o seu traballo na música antiga e, moi especialmente, nas interpretacións de autores barrocos.

Xácara obtivo o seu nome artístico das composicións poéticas para ser cantadas que se fixeron moi populares no século XVI. De aí que os membros do grupo escollesen a música europea do barroco para centra-las diversas culturas musicais.

O grupo está composto na actualidade por Xabier Blanch ó óboe, Elías Rodríguez ó violín, Carles Fibla ó violín, Natan Parruzel á viola, Pedro Ruiz ó violoncello, Ventura Rico á viola de gamba e ó contrabaixo, Juan Carlos de Mulder á tiorba e Mar Tejadas ó órgano.

Xácara, que non é a primeira vez que actúa en Vigo, ten participado en festivais nas Illas Canarias, Murcia, Estella, Logroño e Vitoria. O seus compoñentes traballan tamén coa Orquesta Barroca de Sevilla, coa Orquesta Filharmónica de Gran Canaria e compaxinan a docencia no Conservatorio das Palmas.
O grupo, ó longo dos últimos anos, alternou as súas actuacións musicais propias coa colaboración con outros intérpretes de recoñecido prestixio. Entre as súas colaboracións destacan as realizadas con Carlos Mena – o contratenor co que ofrece o concerto de Vigo–, Alicia García e Rosana, Lambert Climent e Lluis Vilamajó. Os seus principais éxitos, ademais de con obras de Bach, tívoos con interpretacións de pezas do barroco italiano, e con obras de Haydn, Couperin ou Monteverdi.

O novo contratenor vitoriano Carlos Mena acompaña a Xácara no concerto do que serán protagonistas na Concatedral de Santa María. Ós seus trinta anos converteuse nun dos intérpretes máis recoñecidos de pezas do barroco. Obtivo, hai tan só catro anos, o diploma de estudios de Schola Cantorum Basiliensis de Basilea, en Suíza, e asistiu a cursos de profesores invitados da calidade de Cash e Kirby. A súa formación completouse con estudios medievais, traballando en talleres de ópera.

Pese á súa especialización eminentemente centrada na música antiga, non despreza interpretar autores do século XX, como Berstein, Stravinsky e outros.

A súa carreira musical levouno a actuar en prestixiosos escenarios de Europa, América, Asia e Oceanía, con orquestras e grupos de recoñecida traxectoria. Algúns dos seus papeis máis importantes foron o Orfeo de Gluck no teatro Guaira de Brasil, ou o de pastor en L’Orfeo de Monteverdi no Teatro Real de Madrid hai dous anos.
Participa como profesor invitado en seminarios de música antiga no Conservatorio do Escorial e nos cursos que organiza a Universidad de Salamanca.
Un excelente acompañante para a música de Bach que interpreta o grupo Xácara.

PROGRAMA

I Parte

Coral Jesus Christus, unser Helland, Bwv 626
Könen Tränen meiner Wangen (Aria da Mattháus Passion) Bwv 244
Recitativo, Erbarm es Gott
Aria Könen Tränen meiner Wangen nichts erlangen

Es ist volibracht (Aria da Johannes Passion) Bwv 245

Contrapuntos / Arte da Fuga Bwv 1080

Kantate Bwv 54 Widerstehe doch der Sünde
Aria. Widerstehe doch der Sünde
Recitativo Die Art verruchter Sünde
Aria: Wer Sünde tut

II Parte

Vergnügte Ruh’, beliebte Secienlust (Kantate Bwv 170)

De la Kantate “Ich hatte viel Bekümmernis”
Sinfonía Adagio assai

Kantate Bwv 82 Ich habe genug – Festo Purificationis Mariae
Aria Ich habe genug
Recitativo Ich habe genug
Aria Schlummert ein
Recitativo Mein Gott ¡Wann Kaommt das schöne:Num!
Aria Ich freue mich auf meinem Tot.