Escoitar

As Misións Pedagóxicas da II República centran unha exposición na Casa das Artes

A Casa da Artes acolle a exposición "As Misións Pedagóxicas. 1931-1936", en memoria de Manuel Bartolomé Cossío, autor intelectual das ideas que se desenvolveron no marco desta iniciativa de difusión da cultura entre os habitantes das aldeas españolas do período republicano, realizada por destacados intelectuais da época.

venres, 3 ago 2007
1186149019misions13.jpg
As Misións foron levadas a cabo por homes e mulleres en moitos casos movidos polo altruísmo, que percorreron as vilas e aldeas de España para achegaren a cultura ao medio rural e descubrir, ao mesmo tempo, a riqueza que este medio gardaba, mediante un xesto de fraternidade entre a cidade e o campo que fixo medrar e madurar a toda unha xeración.

O 11 de agosto comezou a misión pedagóxica de Galicia, dirixida por Rafael Dieste, quen realizou unha viaxe que duraría seis meses e que o levaría polas catro provincias galegas. Foi esta a actividade de maior duración de todas as que realizou o Padroado das Misións Pedagóxicas, creado polo goberno republicano en maio de 1931 co obxectivo de levar aos lugares máis afastados os bens culturais que pertencían por dereito a todos os españois e non só aos que vivían nas cidades.

A exposición da Casa das Artes, realizada coa colaboración do Concello de Vigo, divídese en 12 apartados que percorren desde os antecedentes desta experiencia no século XIX ata os servizos que ofrecían as Misións Pedagóxicas: o Servizo de Bibliotecas (houbo máis de 5.000 en toda España), o Museo do Pobo, o Cine, o Coro e Teatro do Pobo, o Servizo de Música ou o Retablo de Fantoches, que naceu en terras galegas.

Os habitantes das aldeas e das vilas ás que chegaron as Misións, así como os intelectuais, pintores, escritores ou mestres que colaboraron nesta iniciativa, son os protagonistas da mostra, en especial Manuel Bartolomé Cossío, quen desde a presidencia do Padroado das Misións Pedagóxicas non só exerceu un labor de dirección intelectual do proxecto, senón que estivo pendente ata dos máis pequenos detalles.

Ademais, a exposición quere facer reflexionar sobre o que supuxo para aquela mocidade, chea de ilusións, a súa colaboración nas Misións Pedagóxicas, e o corte que produciu nas súas biografías o estalido da guerra civil que puxo fin ao réxime democrático.

"As Misións Pedagóxicas. 1931-1936" foi inaugurada este venres nun acto ao que asistiron, entre outros, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o conselleiro da Presidencia da Xunta, José Luis Méndez Romeu. A mostra permanecerá na Casa das Artes ata o 16 de setembro.
Descargar todas as imaxes