Escoitar

O multamóbil volverá ás rúas o próximo martes

O concelleiro de Mobilidade, Xulio Calviño, anunciou este xoves que o multamóbil volverá circular polas rúas de Vigo o próximo martes, cun novo procedemento sancionador que afectará ás paradas e estacionamentos que non se axusten ás normas de tráfico.

xoves, 2 ago 2007
1186059025multamobil020807.jpg
Calviño explicou que as sancións se determinarán baseándose na presenza ou non do infractor no seu vehículo. Así, se o condutor está ao volante no momento en que o multamóbil detecta a infracción, a acción punible considerarase como parada, e será sancionada cunha multa de 45 euros (31 no caso de existir bonificación por pagamento rápido). Cando o condutor non estea presente no seu vehículo ao ser detectada a infracción, a multa será por estacionamento, o que comportará un pagamento de 150 euros (105 con bonificación).

O concelleiro de Mobilidade indicou que o novo procedemento sancionador se fundamenta nun informe xurídico municipal sobre recursos contencioso-administrativos que tiveron por obxecto a actividade do multamóbil. Segundo adiantou Calviño, o próximo luns ás 13.00 horas terá lugar unha reunión dos tres grupos municipais, na que estes poderán coñecer as referidas novidades con respecto ao vehículo sancionador.


Descargar todas as imaxes