Escoitar

O Verbum prorroga ata o 29 de xullo a exposición dedicada a Andy Warhol

A boa acollida da exposición "The Factory: Andy Warhol & Pietro Psaier" fai que o Museo Verbum-Casa das Palabras, onde se expón desde o pasado 3 de maio, a prorrogue ata o domingo 29 de xullo.

venres, 22 xuñ 2007
1182513865warhol220607.jpg
A mostra está formada por unha selección de obras do creador da Pop Art Andy Warhol e un dos seus máis achegados colaboradores, Pietro Psaier. Entre o máis salientable da exposición figuran pezas clave na produción do artista como a "Cadeira eléctrica" e a "Sopa Campbell".

Visitas guiadas para público xeral
De martes a venres ás 20.00 horas
Sábados, domingos e festivos ás 12.00 e ás 20.00 horas.

Xogos de rol

O ciclo de xogos de rol no Verbum nace coa idea de ofrecer unha alternativa de lecer para os mozos e as mozas de Vigo, dando a coñecer esta actividade dende unha perspectiva diferente. O ciclo rematará cunha sesión de rol en vivo no museo, este venres a partir das 24.00 horas. O prezo por asistente é de 1 euro.

Un mundo de xoguetes

Ata o 31 de agosto pódese visitar a exposición "Un mundo de xoguetes", organizada polo Verbum coa colaboración da Fundación Raquel Chaves, de interese galego. Esta mostra, centrada no lúdico como forma de comunicación, nace coa vocación de contribuír á investigación e á recuperación de xogos e xoguetes antigos e de colección, así como ao seu estudo e divulgación desde unha perspectiva cultural e pedagóxica, ademais da propiamente lúdica.

Exposición permanente

O Verbum é un museo interactivo sobre todos os ámbitos da comunicación humana (lingua, literatura, ciencia, tecnoloxía, arte, música, poesía, cultura xeral...) e deseñado como un espazo cultural, lúdico e divulgativo no que se pode participar dun modo activo. É, por tanto, un espazo de entretenemento que permite experimentar e coñecer, a través de xogos, todo o relacionado coa comunicación.

Visitas guiadas para público xeral
De martes a domingo ás 19.00 horas.

Para todas as exposicións, tanto a permanente como as temporais, o Verbum ofrece visitas comentadas e actividades relacionadas con cada unha delas dirixidas a centros escolares e colectivos de adultos. Pódese concertar cita no teléfono 986 240 130.

Programación de verán

Actividades de fin de semana

Todos os domingos, ás 12.00 horas, o Verbum ofrece actividades para nenos e nenas a partir de 3 anos e familias.

No mes de xuño iníciase o ciclo "Trasnadas coas palabras", que ten como obxectivo educar e entreter os máis cativos a partir dos milleiros de palabras que os rodean na súa vida cotiá. Así, realizaranse diferentes xogos e actividades como a creación dun conto, actividades relacionadas co mundo do teatro, as artes, e mesmo un taller dedicado a Andy Warhol, que terá como obxectivo aunar o interese artístico de pais e cativos, achegándoos á figura do artista e á relación das palabras coa súa arte.

Domingo 24 de xuño: Obradoiro de teatro
Entrada: 1 € por asistente
Ata completar aforo.

Os meses de xullo e agosto non haberá obradoiros os domingos. A actividade retomarase con novas propostas o vindeiro curso escolar 2007-2008.

Festival Octopu City

O Museo Verbum acollerá o xoves 26, venres 27 e sábado 28 de xullo o festival de música electrónica "Octopu City", en horario ininterrompido de 12.00 a 22.00 horas e cunha programación que inclúe proxeccións, audiovisuais e representacións, entre outras actividades.

Campamento urbano

Tendo en conta a boa experiencia do ano pasado e dada a gran demanda de pais e nenos que solicitan este campamento, o Verbum reserva esta actividade para as dúas primeiras semanas de xullo a cargo da empresa de xestión e dinamización sociocultural Xandobela.

O campamento desenvolverase do martes 3 ao venres 6 e do martes 10 ao venres 13 de xullo, en horario de 10.00 a 13.00 horas. Está dirixido a nenos de 6 a 12 anos. Os prezos son de 3 euros polo campamento completo e de 1 euro por sesión individual.

Ciclo de corais no verán

Datas: 13, 14, 15, 19, 20, 21, 22, 29, 31 de xullo e 1, 2, 3, 4 de agosto.
Horario: de 21.00 a 22.30 horas
Lugar: Auditorio do Verbum.
Descargar todas as imaxes