Escoitar

O Concello asinará un convenio con Renfe para construír unha nova estación de ferrocarril

xoves, 12 xul 2001
O Consello da Xerencia de Urbanismo deu hoxe o seu visto e prace para que o alcalde de Vigo asine un convenio con Renfe no que se establecerán as pautas da construcción dunha nova estación de ferrocarril, admitindo instalacións comerciais e de ocio neste espacio.

O texto do convenio establece a obriga por parte de Renfe de presentar un proxecto de construcción da nova estación no que se recolla tamén a remodelación da praza onde está situada. Entre os requisitos que se lle impoñen á compañía ferroviaria para desenvolver este proxecto está o de que integre nel o edificio da antiga estación. Tamén se lle esixe a creación dunha gran praza pública de 14.000 m2 de superficie a nivel igual ou inferior da rúa Vía Norte. Baixo ela situaríanse os locais comerciais e de lecer e un aparcamento público.

O proxecto que presente Renfe terá que facilitar a integración na zona dun intercambiador de transporte que inclúa unha estación de autobuses e as cocheiras do futuro metro lixeiro. Tamén se lle pide á compañía que teña en conta a posible conexión da estación coa autoestrada.