Escoitar

Declaración do Concello de Vigo ante a morte de Luis Ortiz

mércores, 11 xul 2001
imx432.jpg
Outro atentado fixo onte tremer a nosa sensibilidade. A violencia terrorista vólvenos sacudir coma sempre o fai, sen escrúpulos, sen conciencia. Os sentimentos de dor e de repulsa confúndense na nosa percepción, pero non conseguen afogar a nosa decidida vontade de continuar apostando pola convivencia en paz dentro do marco democrático.

Os terroristas non queren que esquezamos a súa nefasta existencia, e para iso manteñen a chantaxe permanente das pistolas e as bombas. Temos que facerlles comprender que nunca, NUNCA, van conseguir que abandonemos a nosa firme determinación de defender unidos a democracia, os dereitos que entre todos nos outorgamos.

O pobo de Vigo vén demostrando, sempre que é preciso, a súa radical oposición a calquera manifestación de violencia. Os vigueses e viguesas estaremos sempre a prol da tolerancia, do respecto aos demais, da resolución pacífica dos conflictos. Esa é a mensaxe que hoxe reiteramos concentrándonos aquí, e a que volveremos proclamar participando noutros actos que hoxe mesmo se convocan na nosa cidade.

Esta concentración quere ser tamén un testemuño do noso pesar pola morte dun funcionario público, un policía que cumpría co seu deber de protexernos a todos. Dende aquí transmitimos a nosa solidariedade á familia e aos máis achegados a Luis Ortiz. Para el o noso recoñecemento e a nosa homenaxe.



Vigo, 11 de xullo de 2001
Descargar todas as imaxes