Comezou a elaboración do Plan Vigo 2010

martes, 10 xul 2001
imx429.jpg
Rematados os labores organizativos, comezou a fase de Diagnóstico para a elaboración do Plan Estratéxico de Vigo e a súa Área Funcional, cunha importante participación dos cidadáns e as entidades públicas e privadas viguesas.

O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, e o director do Plan Vigo 2010, o profesor Vázquez Barquero, anunciaron hoxe o comezo dos traballos de diagnóstico do Plan Vigo 2010. Nos próximos meses desenvolverase unha tarefa que consistirá en analizar a situación económica, social e institucional de Vigo e a súa capacidade de resposta ante a crecente globalización da economía e a posta en marcha da Unión Económica e Monetaria. Esta análise permitirá despois formular os obxectivos estratéxicos para Vigo e deseñar uns programas de actuación para mellorar a calidade de vida da cidade e o seu posicionamento económico.

A primeira fase do programa de traballo do Plan estivo dedicada a axustar os detalles organizativos e a metodoloxía operativa, así como a recoller información estatística e documental sobre a situación da cidade.

A segunda fase, centrada na elaboración do Diagnóstico Estratéxico da cidade e o seu ámbito metropolitano, comezou coa celebración de reunións de información e sensibilización, mantidas pola Dirección do Plan cos representantes de numerosas institucións sociais, políticas e empresariais viguesas.

As reunións están centradas en informar sobre as características do Plan e o desenvolvemento dos traballos e en promover a participación activa nos mesmos de todos os estamentos que constitúen o tecido institucional público e privado responsable de planificar e xestionar o desenvolvemento futuro da cidade.

Próximos pasos

Paralelamente, púxose en marcha unha exhaustiva recollida de datos e opinións. Por unha parte, nesta semana, membros dos diversos grupos de traballo do Plan principiaron unha ampla rolda de entrevistas en profundidade con expertos e responsables institucionais e empresariais da bisbarra, para coñecer de primeira man os detalles da situación e a dinámica de desenvolvemento da cidade.

Por outra parte, lanzouse unha primeira enquisa dirixida ás empresas do tecido productivo local e, nas vindeiras semanas, poranse en marcha outras dúas enquisas, unha dirixida a coñecer as opinións e avaliacións das familias viguesas e outra, destinada ás institucións públicas e privadas que actúan no noso contorno.

Posteriormente, durante setembro e outubro realizarase unha primeira rolda de reunións con expertos locais, no marco das denominadas Mesas de Traballo do Plan, para axustar e enriquecer os resultados da análise da situación estratéxica da cidade que realizará o Equipo Técnico do Plan a partir da información recollida nos meses precedentes.

De acordo coas previsións establecidas, a segunda fase de elaboración do Plan VIGO 2010 concluirá no mes de decembro, coa presentación do Diagnóstico Estratéxico de Vigo e a súa Área Funcional.

Descargar todas as imaxes