Escoitar

Mancomunidade, Caixanova e Zona Franca asinan un convenio para o fomento da actividade emprendedora

luns, 9 xul 2001
imx425.jpg
O presidente da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo, Lois Castrillo, o representante do Consorcio da Zona Franca, Pablo Egerique, e o director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, asinaron un convenio específico para o desenvolvemento dun plan de fomento da actividade emprendedora na área metropolitana de Vigo.


O convenio establece a realización dun traballo de investigación que permita ter información sobre as empresas creadas nos últimos cinco anos na área metropolitana de Vigo e coñecer os problemas que padecen durante o seu proceso de posta en funcionamento.

Organizarase un panel de expertos que reunirá persoas experimentadas na creación de empresas en Galicia para unha interpretación cualitativa da situación e realizarase unha enquisa sobre unha mostra representativa de emprendedores que creasen a súa empresa.

Lois Castrillo afirmou que Vigo e a súa área se teñen conformado como o principal pulmón económico e industrial de Galicia. As institucións locais son as que vehiculizan principalmente o desenvolvemento económico, a potenciación e a promoción do emprego. Con este convenio impúlsanse as experiencias máis novidosas en Galicia neste ámbito, como un gran acordo polo emprego na mancomunidade. Referiuse Castrillo á vontade de coordinación entre as institucións públicas e privadas para seguir impulsando a xeración de emprego así como ó aproveitamento de sinerxias para a promoción da actividade económica.

Pablo Egerique indicou que este convenio nace con vocación de axudar e fomentar a actividade empresarial facilitando as infraestructuras físicas, a formación e a información para emprendedores.

Fernández Gayoso explicou que con este convenio sen precedentes se pretende que as tres institucións sumen esforzos para a realización dunha investigación que vai ter como centro a Escola de Negocios de Caixanova.

A Mancomunidade de Vigo achegará, incluíndo unha subvención concedida polo Igape, 2.230.000 pesetas: Caixanova, dous millóns e o Consorcio da Zona Franca de Vigo, 2.200.000 pesetas.
Descargar todas as imaxes