Escoitar

O proxecto de remodelación da praza da Independencia será debatido no pleno deste mes

luns, 9 xul 2001
O concelleiro de Urbanismo, Xavier Toba, anunciou hoxe que os arquitectos que traballan na remodelación da praza da Independencia entregarán esta semana ao Concello o seu proxecto. Iso permitirá que o Pleno da Corporación municipal o poida aprobar este mesmo mes e que as obras comecen durante o verán.

A remodelación da praza da Independencia cambiará radicalmente o aspecto desa zona, xa que se peonalizará a meirande parte da praza, se colocará arborado e novo mobiliario e se reformarán tamén as rúas que conflúen na praza.




O Goberno municipal reclama a Augas de Galicia a mellora do emisario de Alcabre

O Goberno municipal solicitará a Augas de Galicia a construcción dun novo emisario en Alcabre que substitúa ao actual. Este emisario entra en funcionamento unicamente cando o colector de marxe de ría non é quen de acoller o volume de augas pluviais e residuais, pero nesas ocasións a súa pequena lonxitude orixina problemas no litoral desa parroquia.

O Concello elaborou un proxecto, que lle trasladará a Augas de Galicia, para que asuma a obra de substitución do emisario. Consiste en ampliar a súa lonxitude, dos 280 metros actuais a 1.030 m., e en aumentar a súa sección, de 630 mm. a 1.030. O custo da obra sería de 118 millóns de pesetas.



O Consello da Xerencia debaterá esta semana o convenio con Renfe para a construcción da nova estación

A próxima reunión do Consello da Xerencia de Urbanismo incluirá, na súa orde do día, o convenio de colaboración entre o Concello de Vigo e Renfe para a construcción da nova estación de ferrocarril. Ese convenio establecerá os requisitos que ten que cumprir a compañía ferroviaria para construír unha nova estación en Vigo que albergue tamén un centro de ocio e un aparcadoiro público.

O Concello esixirá que o inmoble non supere a rasante de Vía Norte, que incorpore o edificio da vella estación e que o proxecto prevea a creación dun centro de intercambio de transportes na zona.