Escoitar

As tarifas dos aparcadoiros de Urzaiz e Praza da Independencia serán redondeadas

A Xunta de Goberno Local decidiu hoxe luns acceder á solicitude da UTE formada por Eloymar e Tranvías Eléctricos de Vigo e permitir o redondeo das tarifas dos aparcadoiros municipais da rúa Urzaiz e da Praza da Independencia.

luns, 9 abr 2007
1176122110xunta090407.jpg
As tarifas, resultantes das últimas revisións efectuadas en ditos aparcadoiros, pasan de 1,19 euros/hora a 1,20 no caso da Praza da Independencia, e de 1,34 euros/hora a 1,35 en Urzaiz. Estes prezos estarán vixentes ata o 1 de agosto.

Así mesmo, a Xunta de Goberno Local adxudicou á UTE formada por Hega 4 e Api a contratación da terceira fase do deseño, redacción, produción e instalación da sinalización turística de Vigo, por un importe de 200.000 euros.

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou o convenio entre a Escudería Rías Baixas e o Concello para a celebración da 43ª edición do Rallye Rías Baixas. A escudería recibirá unha achega municipal de 33.000 euros para a realización desta actividade.

Por outra parte, a Xunta de Goberno de hoxe luns serviu para dar conta da primeira addenda da prórroga do convenio entre a Consellaría de Sanidade e o Concello para o desenvolvemento dos programas e servizos de tratamento de drogodependencias para o ano 2007. A aprobación deste acordo por parte do Goberno local é necesaria para que a administración autonómica proceda ao ingreso do 75% da contía asignada, que ascende a 450.000 euros.
Descargar todas as imaxes