Escoitar

ALT o.7 trae teatro desde Venzuela e danza para a inauguración de Escoitar.org

A compañía Teatro San Martín, de Caracas, representa mañá venres no Auditorio Municipal a obra "Passport", dentro da programación do Festival Alternativo de Teatro e Danza. A xornada complétase cun espectáculo de danza a cargo do Centro Coreográfico Galego, co que se inaugurará o laboratorio de son do Colectivo Escoitar.org no Espazo Anexo do MARCO.

xoves, 8 mar 2007
1173360264escoitarorg.jpg
Teatro San Martín (Caracas)
"Passport" (Teatro)
Lugar: Auditorio Municipal
Hora: 21.30
Duración: 1 hora aproximadamente
Prezo: 5 €
Intérpretes: María Brito, David Villegas, Alfonso Rey
Escenografía: Ernesto Alfonso
Tema orixinal: Malena Muyala
Deseño e iluminación: Roger Quilarque
Asistente de escena: Oscar Sojo
Musicalización: Alfonso Ramírez
Produción xeral: Gustavo Ott
Dirección: Luís Domingo González

"Passport" conta a viaxe kafkiana dunha muller cuxos intentos de comunicación son respondidos por un pesadelo de desconfianza e confusión. Teatro poético e actual que nos di que a arbitrariedade non é só cousa do terceiro mundo. Dende os excesos da Garda Nacional de Venezuela ata a prisión de Abu Ghraib en Iraq, pasando polo trato dos inmigrantes na fronteira ou torpedeados na súa patera.

"Passport" cuestiona os temas da identidade e a idea de que as nosas accións máis terribles son precisamente as que tomamos como as máis comúns e cotiás nas nosas vidas, nese clima kafkiano dunhas forzas ocultas que amordazan, cegan e finalmente destrúen o individuo.

Danza e son

Co gallo da inauguración do laboratorio de son do Colectivo Escoitar.org no MARCO, o Espazo Anexo do museo será escenario, mañá venres a partir das 20.00 horas, dun espectáculo de danza a cargo do Centro Coreográfico Galego. Cinco bailaríns improvisarán sobre un tema confeccionado para a ocasión a base de sons recollidos en Vigo.

O Colectivo Escoitar.org continúa o seu traballo na cidade de Vigo, plasmado con anterioridade no obradoiro que se desenvolveu no MARCO en novembro de 2006. Para atopar aqueles sons que identifican a cidade, Escoitar.org constrúe no Espazo Anexo do MARCO un Audiolab (Hacklab) aberto e público. Neste laboratorio levaranse a cabo traballos de investigación e de difusión, así como unha serie de actividades paralelas.

Partindo da experiencia sonora como medio de coñecemento, proponse unha reflexión sobre as formas acústicas de sociabilidade repensando o espazo urbano e as relacións sociais. Nesta ocasión, o núcleo do proxecto consiste en coñecer as paisaxes sonoras de Vigo a través de orellas alleas, como un exercicio de estrañamento no que o eixo fundamental será o traballo cos colectivos de inmigrantes.

O Colectivo Escoitar.org está formado por Chiu Longina (antropólogo), Juan Gil López (musicólogo), Julio Gómez (xestor cultural), Horacio González (artista e programador), Berio Molina (artista e programador), Xesús Otero (enxeñeiro) e Carlos Suárez (musicólogo).

Datas: do 9 de marzo ao 13 de maio 2007
Horario: martes a sábados (festivos incluídos) de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas. Domingos de 11.00 a 14.00 horas.
ENTRADA LIBRE E GRATUÍTA.
Descargar todas as imaxes