Escoitar

A modificación da Ordenanza de Ruídos, máis cerca despois do visto bo da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe xoves o proxecto de modificación da Ordenanza Municipal de Protección do Medio Ambiente contra a Contaminación Acústica, cuxa principal novidade consiste na declaración como Zonas Acusticamente Saturadas (ZAS) de 31 rúas na súa totalidade e doutras tres de maneira parcial.

xoves, 1 mar 2007
Esta declaración significará que nesas zonas non se outorgarán máis licenzas para actividades nocturnas como poden ser as de bares, pubs e discotecas. Ademais, a ordenanza modificada establece unha distancia mínima de 100 metro entre locais con música en todo Vigo.

Segundo explicou o portavoz do Goberno local, José Manuel Figueroa, a Xunta de Goberno introduciu na súa reunión de hoxe xoves "algunhas matizacións" nesta ordenanza. Así, o nivel máximo de ruído verificable dentro das vivendas, que quedará en 30 decibelios, será revisado un ano despois da entrada en vigor da ordenanza, prevista para o próximo mes de abril, "para ver se este máximo é o correcto ou non". Con este obxectivo, adiantou Figueroa, levarase a cabo "unha mostraxe durante todo este ano".

A outra matización refírese á hora de peche dos establecementos afectados por esta ordenanza nas áreas declaradas como ZAS, que se adiantará media hora con respecto á actual. A hora de peche dos locais varía segundo o tipo de actividade que realizan e o día da semana.

Por último, José Manuel Figueroa anunciou que o Concello vai inspeccionar "inmediatamente" os arredor de 280 locais das zonas ZAS para comprobar se as actividades que neles se desenvolven se axustan ás licenzas que lles foron outorgadas.

O proxecto de modificación da Ordenanza de Ruídos será debatida polo Pleno da Corporación Municipal nunha sesión extraordinaria o próximo luns.