Escoitar

O proxecto de depuradora no Lagares satisfai a maioría da Corporación

A solución para o saneamento da cidade acordada onte mércores entre o Concello e a Xunta, consistente na construción dunha depuradora soterrada na desembocadura do Lagares, satisfai os grupos municipais do PP e do BNG. O PG, en cambio, considéraa desacertada, mentres que desde o PSdeG-PSOE lembran que o Pleno da Corporación acordara non realizar máis actuacións deste tipo en Coruxo.

xoves, 21 dec 2006
1166709030xeren211206.jpg
Reunión do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo
O portavoz do Goberno municipal, José Manuel Figueroa, sinalou que a actual EDAR do Lagares vai ser substituída mediante a execución dun "proxecto novidoso" que contempla unha depuradora soterrada con servizos de ocio no seu contorno. Figueroa engadiu que "seguimos mantendo a oferta de traslado con indemnizacións" para as familias afectadas polos problemas de funcionamento da EDAR do Lagares.

Mauricio Ruiz, do PSdeG-PSOE, recordou que os grupos políticos "prometeron que non habería máis actuacións" en Coruxo. Por este motivo, afirmou que "á alcaldesa e ao resto da Corporación lles corresponde dar unha explicación e pedir desculpas aos veciños".

Pola súa parte, Henrique Viéitez, do BNG, resaltou o entendemento a que acaban de chegar Concello e Xunta para adiantar que "non será o BNG quen se saia dese acordo". Viéitez pediu que a cidade "asuma o custo social" dunha solución "demandada por todos" e que deberá ser "para bastantes anos".

Finalmente, Manoel Soto, do PG, mostrou o seu desacordo co proxecto de nova depuradora no Lagares e aproveitou para preguntarlle á alcaldesa "por que aceptou ao final o que non aceptou ao principio".

A solución para o saneamento de Vigo foi consensuada onte mércores pola alcaldesa, Corina Porro, e o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, a partir do proxecto presentado polo Concello. Porro e Vázquez informaron despois da súa reunión na sede da Xunta de que o custo do proxecto non será inferior a 200 millóns de euros, se ben recordaron que xa hai 104 previstos de fondos europeos.

Ademais, o conselleiro subliñou, ao igual que a alcaldesa, que a solución consensuada permitirá "desbloquear" a sanción imposta pola Unión Europea (UE) a España polas carencias do saneamento das augas, así como a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) "desde o punto de vista ambiental".
Descargar todas as imaxes