Escoitar

O Concello utilizará as novas tecnoloxías para facilitar a educación dos nenos hospitalizados

A concelleira de Participación Cidadá, Marta Iglesias, anunciou hoxe luns a posta en marcha, antes de fin de ano, dun "espazo virtual de educación e aprendizaxe" para escolares, dentro do proxecto Vigo Dixital.

luns, 13 nov 2006
1163426694xunta131106.jpg
Esta iniciativa pretende ser unha axuda para os nenos e nenas de 6 a 16 anos que non poidan ir á escola durante máis de un mes. O Concello coordinará a súa educación a distancia a través dunha sala convenientemente equipada na Casa Consistorial, e ofrecendo un mestre que tentará optimizar o labor dos profesionais do ensino que traballan actualmente con nenos e nenas hospitalizados.

Durante o ano que transcorrerá a partir da próxima posta en marcha deste servizo, arredor de 1.200 escolares se beneficiarán desta medida, que supón un importe de 700.000 euros. Os nenos e nenas contarán con ordenadores portátiles nos seus fogares e disporán de ordenadores fixos no Hospital Xeral.

Actualmente a Concellaría de Participación Cidadá ten encomendada, entre outras iniciativas, a xestión do proxecto Vigo Dixital. No marco desta iniciativa trátase de desenvolver unha verdadeira rede de aprendizaxe na que participan tres ámbitos que forman parte da vida dos nenos: escolas, hospitais e fogares. O obxectivo de Vigo Dixital é que a cidadanía, as empresas e as institucións aproveiten a aplicación das novas tecnoloxías nos planos social e económico, mediante a utilización de servizos avanzados de telecomunicacións.

O Concello, dentro da súa área de Participación Cidadá, ten entre as súas competencias a de achegar a administración cada vez máis aos cidadáns, coa incorporación progresiva das súas estruturas á sociedade da información. Neste sentido, o Concello desenvolve servizos de administración electrónica para ofrecer novas prestacións rexidas polos principios de axilidade, transparencia e eficiencia.
Descargar todas as imaxes