Escoitar

O Castro sen fíos

O programa de ocio xuvenil "Súbete ao Castro" da Concellería de Xuventude do Concello de Vigo renova a súa programación de actividades para os meses de novembro e decembro.

venres, 10 nov 2006
A principal novidade é a cobertura WIFI (internet sen fíos) e conexión bluetooth que vén de estrear o programa no mes de novembro, incluída dentro da programación de Tardes e Noites Vivas.

Grazas á rede sen fíos, calquera moza/o de entre 14 e 30 anos poderá conectarse desde un dispositivo portátil (ordenador, pda...) á Rede, totalmente de balde, desde as instalacións do programa no parque do Castro, abrindo a posibilidade de que un maior número de usuarias/os poidan compartir o espazo físico e o virtual.

Ponse a disposición das/os usuarias/os a utilización da conexión mediante bluetooth para o envío de datos, personalización ou actualización dos seus teléfonos móbiles.

Con ambos recursos o Cibercastro afonda na conectividade, desde unha perspectiva interactiva, posibilitando o acceso a internet sen fíos e o emprego da última tecnoloxía en intercambio de datos para computadoras e telefonía móbil.

Unha das liñas de actuación máis importantes do programa ten sido o ámbito tecnolóxico e informático: internet, chat, xogos, videoconferencia, punto de información software libre, cursos de mecanografía ou de OpenOffice (suite ofimática gratuíta), a nova cobertura WIFI, e agora tamén Bluetooth dan boa mostra da aposta por achegar a informática, internet e as novas tecnoloxías á mocidade de Vigo.

Continúan, así mesmo, os cursos cuadrimestrais de Castroensaios (Vocalista, baixo eléctrico, batería, guitarra eléctrica e teclado) e os de Castroescea (teatro, break-dance e danza oriental).

As "Tardes e Noites Vivas" tamén chegaron ao cibercastro, onde cada fin de semana haberá actividades da máis variada temática: xogar ao risk, desfrutar con diferentes obradoiros, aprender a "pinchar" e mesturar música, actualizarse coas últimas novidades tecnolóxicas...

A Liga de Xogos en Rede (sábados de 20 a 23h) fará protagonistas aos videoxogos nunha competición trepidante entre as/os mozas/os que se animen a participar.

As noites dos sábados terán como protagonista a música, a canción... co Karaoke. Unha cita ineludible para aqueles que lles guste cantar.