Escoitar

"A Folga", de Eisenstein, con música de piano no Auditorio Municipal

O Auditorio do Concello acolle hoxe luns a partir das 20:30 horas a proxección da película "A Folga", de Serguei Eisenstein, acompañada ao piano por Christian Rannenberg, dentro do ciclo "Músicas para o silencio" do Festival Are-More.

luns, 13 nov 2006
1163423982huelga1.jpg
Sinopse

Os peóns dunha importante fábrica da Rusia zarista están decididos a ir á folga. O director comunica aos altos funcionarios as súas sospeitas, e estes envían informadores. Tralas sucesivas reunións dos traballadores, a tensión dispárase cando un dos obreiros se suicida ao ser acusado inxustamente dun roubo.

Serguei M. Eisenstein

Guionista e director de cine e teatro nado en Riga en 1898. Entrou en contacto co teatro no Exército Vermello, durante a Revolución de Outubro de 1917. Estuda na Escola Estatal de Dirección Teatral, chegando a dirixir as producións do Teatro Obreiro. As súas ideas pouco convencionais da arte dramática incluían o uso de imaxes moi contrastadas capaces de suscitar intensas reaccións emocionais.

Con "O acorazado Potemkin" (1925), acadou un dos máximos logros do cine mudo. Logo viñeron "Outubro" (1928), "A liña xeral" (1929), "Que viva México" (1932), "O prado de Bezhin" (1935), "Alexander Nevski" (1938), "Iván o terrible" (1942) e "A conxura dos boiardos" (1943). Morre en Moscova en 1948.

Christian Rannenberg

Naceu en Solingen (Alemaña) en 1956. É un dos mellores pianistas de blues de Europa. Foi alumno en Chicago do lendario pianista Blind John Davis. Nesa mesma cidade comeza a actuar con grandes do blues como Jimmy Rogers, Lefty Dizz e B.B. Arnorld. Tamén gravou discos co seu nome como o aclamado "Blues" e ten participado en ciclos de cine mudo como o "Film Kunst" de Berlín.

Actualmente, Christian Rannenberg compaxina actuacións con Angela Brown, Big Jack Johnson ou James Harman e a banda galega "Los Reyes del Ko", cos que acaba de gravar "Hot Tin Roof".

Prezo da entrada: 2 euros para o público en xeral e 1 euro para os membros da comunidade universitaria da Universidade de Vigo.
Descargar todas as imaxes