Escoitar

Educación presenta a Guía de Centros Públicos de Secundaria

luns, 18 feb 2002
imx1106.jpg
Publicación
A concelleira de Educación, Ana Gandón, presentou a ”Guía de Centros Públicos de Secundaria: un salto ó teu futuro” que pretende ofertar, de xeito áxil e actualizado, a información básica para que os estudiantes poidan coñecer os institutos á hora de facer a escolla.

Editáronse 7.000 exemplares que se distribuirán nos centros de ensino públicos de Vigo, no Instituto Municipal de Educación e na Casa da Xuventude. Tamén serán enviados ós domicilios dos rapaces en idade de principiar os estudios de secundaria xunto co certificado de empadronamento necesario para a matrícula.

Ademais da descrición das instalacións e ciclos impartidos en cada centro público de educación secundaria, aparecen os horarios dos centros, información sobre programas de garantía social e outras opcións educativas. Hai tamén información sobre o procedemento de admisión de alumnado, bolsas e axudas, referencias lexislativas, puntos de información, un directorio de centros e un listado de vocabulario específico, entre outros.

O coodinador da guía, Antonio Vázquez, animou a xente interesada a que acuda ós centros de ensino para resolver as dúbidas que teñan á hora de escoller o instituto. Explicou tamén que se considera imprescindible que todas as familias profesionais teñan presencia na rede de ensino público e Vidro e Cerámica, Artes Gráficas e Comunicación, Imaxe e Son están ausentes.

Existen familias profesionais que, dada a súa demanda, presentan unha oferta claramente insuficiente tales como Electrónica, Hostalería e Turismo, Informática, Mecánica do Automóbil ou Sanitaria. Outra necesidade educativa é a ampliación do Bacharelato de Artes xa que nin en Vigo, nin en toda a provincia de Pontevedra se poden cursar os niveis educativos das Escolas de Artes, sinalou.

Descargar todas as imaxes