Jares: ”Os progresos sociais da humanidade son posibles gracias a encarar determinados conflictos”
-¿En que consiste o programa educativo municipal ”Aprender a convivir”?
-É unha iniciativa da Concellería de Educación e Muller do Concello de Vigo a proposta do colectivo Educadores/as pola Paz-Nova Escola Galega. O programa pretende ofertar ao conxunto da cidadanía, e moi particularmente aos diferentes sectores da comunidade educativa –profesorado, alumnado e nais e pais-, unha serie de propostas e recursos para construír unha convivencia máis sana e respectuosa entre todas e todos, democrática, solidaria e sen ningún tipo de discriminacións e violencias.
-É a primeira vez que en Galicia unha institución toma a iniciativa de asumir un programa destas características, ¿como é a resposta dos centros?
-Estamos no segundo ano e deica agora a resposta é máis que esperanzadora. No primeiro ano -curso 2000-2001- incribíronse no programa 14 centros, 11 de Primaria e 3 de Secundaria. O único que habería que comentar en tono crítico é o significativo desfase entre os centros de Primaria e Secundaria, precisamente sendo éstes nos que se di que hai maior conflictividade. Pero, en todo caso, é un número moi superior ao que nos agardabamos para o primeiro ano. Neste segundo curso de funcionamento inscribironse 6 novos centros, dos cales 3 son privados concertados.
En segundo lugar, creo que tamén é moi importante a boa valoración que, en xeral, se está a facer dos cursos de formación do profesorado, das xornadas de formación de nais e pais e tamén dos cursos de formación de mediadores/as cos estudiantes de Secundaria.
En teceiro lugar, tamén é de destacar a boa acollida que tiveron os materiais elaborados especificamente no programa, tanto en Vigo como no resto de Galicia e do Estado, de tal xeito que a maior parte deles temos que reeditalos por terceira vez para o próximo curso. Por último, creo que tamén é de reseñar a demanda que se está producindo doutras cidades e consellos escolares autonómicos para impulsar programas semellantes.
-Edicións Xerais publicou o libro “Aprender a Convivir”, da súa autoría, no que se reflexan as claves deste proxecto. Nel fala da diferencia entre “conflicto” e “violencia”. ¿Hai confusión entre estes dous termos?
-A clave fundamental do programa é a redefinición da nosa relación cos conflictos e a crítica da violencia como forma de resolvelos. Partimos da idea base de que onde hai vida hai conflicto e, ademais, non ten por qué ser necesariamente negativo. Na maior parte das ocasións a valoración positiva ou negativa que fagamos do conflicto depende fundamentalmente da forma de o encarar e non tanto do conflicto en si mesmo. Non podemos confundir conflicto, consustancial á vida, coa violencia, posible resposta a un conflicto pero non a única. Non estamos condeados e condeadas a sermos persoas violentas. No libro facemos unha serie de propostas que teñen que ver coa organización da aula e do centro, con exercicios concretos para a comprensión e intervención nun conflicto, propostas para a mellora da disciplina, etc. Tamén é importante o capítulo que adicamos á mediación como estratexia alternativa de resolución de conflictos. Todo iso escrito desde a necesaria combinación da teoría coa práctica.
-No libro di que “os conflictos son consustanciais á vida”. ¿Considera que hai situacións de conflicto que poden resultar positivas?
-Sen dúbida, o conflicto non só é algo natural e inevitable na existencia humana, senón que é necesario tanto o avance individual das persoas como da humanidade no seu conxunto. Non esquezamos que tanto a ciencia como os progresos sociais da humanidade foron e son posibles gracias a encarar determinados conflictos. O conflicto é un desafío tremendo, tanto intelectual como emocionalmente, para as partes involucradas e, se se afronta positivamente, pode ser unha das forzas motivadoras da nosa existencia. Por conseguinte, o problema non está no conflicto senón na forma en cómo o afrontamos, e esto é sobre todo un reto educativo, o grande reto educativo que temos pendente.
Propostas e servicios que oferta o programa educativo municipal ”Aprender a convivir”
* Formación para os tres sectores da comunidade educativa, a través dos seguintes tipos de actividades:
- Cursos de formación para o profesorado. Concretamente xa se impartiron dous tipos de cursos. Un que denominamos inicial, de 30 horas de duración, e outro de especialización.
- Xornadas de formación para nais e pais sobre esta temática. Facemos unha xornada para as nais e pais de Vigo un sábado pola mañá en colaboración coa FOANPA, e logo o programa ofrece aos centros concretos un programa de formación no propio centro. Neste segundo caso xa se desenvolveron en dous centros, o Colexio Alfonso D. Ruguez. Castelao e o Colexio Javier Sensat.
- Actividades e cursos de formación para estudiantes, particularmente de formación de mediadores/as en resolución de conflictos. Impartironse en tres centros: IES de Teis, IES de Evade e IES nº 1 de Torrecedeira.
* Asesoramento aos centros
* Servicio de mediación
Para os centros participantes no Programa, ofrécese a posibilidade de que membros do Equipo de traballo fagan de mediadores en conflictos ligados á vida do centro, sempre e cando se teñan utilizado previamente os mecanismos internos de resolución.
* Traballo directo co alumnado
De momento a intervención directa que estamos a facer cos estudiantes é a través dos cursos de formación de mediadores/as para a resolución dos conflictos entre os propios estudiantes que xa citei. Para o próximo curso queremos ampliar esta oferta como por exemplo traballar determinados tópicos dos tres itinerarios que conforman o apartado adicado ao currículo: Itinerario de educación afectiva e relacións interpersonais, Itinerario de resolución de conflictos e nonviolencia e Itinerario de educación para a paz e os dereitos humanos. Tamén facer propostas para as actividades extraescolares.
* Materiais de apoio
Todos os centros do Concello de Vigo recibirán os materiais propios deseñados especificamente para o programa. Inicialmente son:
- Libro ”Aprender a convivir”, editado por Xerais (2001), onde se recollen as claves desde as que se vertebra o programa, propostas de intervención e recursos didácticos.
- Tres carteis: un sobre o programa, outro sobre que facer diante dun conflicto e un terceiro sobre a mediación.
- Dous trípticos: un sobre o programa e outro sobre a mediación.
- Dossiers informativos con experiencias e recursos.
- Adhesivos e marcadores de libros.
- Maleta pedagóxica. Ademais dos materiais específicos do programa, os centros participantes recibirán unha ”maleta pedagóxica” con diferentes materiais didácticos relacionados co programa.