Escoitar

Iníciase o programa educativo Vigo Zoo para escolares

venres, 15 feb 2002
imx1095.jpg
Vázquez, Fernández e Freitas
O concelleiro de Medio Ambiente, Amador Fernández, presentou o programa educativo de Vigo Zoo que se iniciará o martes, 19 de febreiro, con visitas guiadas para escolares de infantil, primaria e secundaria.

Trátase dun proxecto integral que inclúe actuacións educativas no zoolóxico. Os rapaces asistirán a unha presentación multimedia no salón de actos, onde se lles entregará o material didáctico. Recibirán nocións de astronomía mediante unha visita ó planetario, logo coñecerán o reptilario, a enfermería, os laboratorios e os recintos de mamíferos e aves.

Os escolares terán tamén a aportunidade de participar nun obradoiro de educación ambiental e farán unha visita ó miradoiro do exterior do parque onde se lles explicará a dinámica da ría, a paisaxe e a necesaria conservación do medio ambiente. Á saída haberá xogos de despedida.

O horario das visitas será de luns a venres entre as 9:00 e as 13:30 e a duración aproximada será de dúas a tres horas. Recibiranse, mediante cita previa, 60 persoas diarias repartidas en grupos de 20. Para solicitar estas visitas pódese chamar ó Departamento de Educación Ambiental (986-267783)

A segunda fase de traballo do equipo de educación ambiental entrará en funcionamento no mes de marzo e contará con actividades educativas nas novas instalacións como o insectario, reptilario e granxa escola que actualmente están en fase de construcción.

Haberá visitas guiadas para colectivos e público xeral, ademais da sinalización de diferentes percorridos autoguiados polo parque e da edición de trípticos explicativos. Instalaranse tamén placas identificativas para cada especie que posuirán ampla información relativa ó animal.


MÁIS INFORMACIÓN



Descargar todas as imaxes