Escoitar

Corina Porro vivita unha sesión de Educación Vial para nenos no Castro

A alcaldesa, Corina Porro, asistiu hoxe mércores no Parque Infantil de Tráfico do Castro, que será ampliado en 200 m2, á realización, por parte de alumnos dos colexios Paraixal e Neno Xesús de Praga, dunha das sesións teórico-prácticas incluídas no programa do Departamento de Educación Vial da Policía Local para o curso 2006-2007.

mércores, 11 out 2006
Estas sesións forman parte da segunda fase do mencionado programa e duran 90 minutos. Durante tres cuartos de hora os alumnos reciben na aula didáctica anexa ao parque os coñecementos teóricos necesarios para transitar con seguridade. Estes coñecementos complementan os xa adquiridos durante a primeira fase do programa, composta de sesións teóricas impartidas durante o pasado curso por monitores da Policía Local nos centros escolares que solicitaron participar na campaña municipal.

Nos 45 minutos que completan a sesión teórico-práctica, os alumnos deben demostrar que comprenderon e interiorizaron as ensinanzas teóricas previas, mediante a realización dunha proba teórica obxectiva tipo test. Para iso, os nenos circulan polo parque en bicicletas, dotados de cascos de protección e chalecos reflectantes e controlados en todo momento polos monitores, que velan polo respecto ás normas de circulación expostas na aula e corrixen as posibles actitudes neglixentes ou incorrectas.

Con independencia do valor pedagóxico desta actividade, que ten por obxectivo a formación dos futuros condutores en actitudes positivas cara á condución segura, a realización destes exercicios permítelles aos monitores da Policía Local facer unha preselección da que sairán os alumnos que representarán a Vigo no Campionato Nacional de Parques Infantís, que terá lugar en Ciudad Real en maio de 2007.

Este curso, a Policía Local espera facer chegar a súa campaña de educación vial a 18.000 nenos e nenas vigueses. Deles, 3.500 están en educación infantil; 14.000, nos primeiros cursos dos ciclos inicial, medio e superior de educación primaria; e 500 son alumnos de educación especial que recibirán unha formación específica dentro da terceira fase do programa.