Escoitar

A Concellería de Educación pon en marcha un programa de sensibilización ambiental

xoves, 15 mar 2001
imx29.jpg
Escola Verde é un programa de educación ambiental para o alumnado de primaria e primeiro ciclo de secundaria. Mediante sinxelos obradoiros trataranse problemáticas ambientais como os residuos sólidos urbanos, a contaminación das augas e o consumo irracional, entre outros. Explicaranse posibles solucións a estas cuestións e daranse pautas de comportamento para mellorar, cos actos diarios, o medio natural do Concello de Vigo.

Con estas actividades preténdese educar os nenos en valores de solidariedade, xustiza, equidade e respecto polo medio, así como espertar o sentido crítico constructivo no contorno máis inmediato.

Os grupos serán de 25 alumnos e as actividades contarán cunha charla introductoria, apoiada con soportes audiovisuais e entregaráselles material informativo escrito ós participantes, agás ós grupos de primeiro a terceiro de primaria. Os materiais necesarios para realizar os obradoiros serán achegados polos monitores.

No obradoiro de ecoconsumo intentaranse formar futuros consumidores conscientes e responsables, entendendo a súa relación co medio e coa calidade de vida. Esta actividade está indicada para sexto de primaria e para os primeiros cursos de secundaria.

Facendo papel do papel é o título doutro obradoiro no que a través da fabricación artesanal de papel reciclado se explicará a problemática da producción e a eliminación dos residuos sólidos urbanos, ademais da importancia en colaborar coa reducción, reutilización e reciclaxe. Esta actividade está indicada para os cursos de primeiro a quinto de primaria.

Outro dos obradoiros servirá para aprender a construír xoguetes a partir de materiais de refugallo. Esta actividade denominada xogando co lixo está indicada para os cursos iniciais de primaria.

Coa elaboración de xabón ecolóxico a partir de aceites usados de cociña entenderase a problemática da producción e eliminación de residuos, así como a contaminación da auga. Esta actividade está indicada para sexto de primaria e para os cursos iniciais da ESO.

Os interesados en participar nestes obradoiros deberán poñerse en contacto co Instituto Municipal de Educación do Concello de Vigo.
Descargar todas as imaxes