Escoitar

A XIV Bandeira Concello de Vigo de Traíñas despútase este domingo na ría de Vigo

Este domingo, día 30 de xullo, ás 12:00 horas, comezará a regata XIV Bandeira Concello de Vigo da Liga Noroeste de Traíñas, patrocinada polo Concello de Vigo. Catorce traíñas competirán no clásico campo de regatas de tres millas con catro longos e tres ceavogas sobre babor.

mércores, 26 xul 2006
1153920042tainhas260706.jpg
Estas embarcacións son as inscritas na Liga Noroeste de Traíñas, unha competición que, segundo o presidente do Real Club Náutico, Franco Cobas, "non ten moito que envexar" á Liga da Asociación de Clubes de Traíñas (ACT), que reúne embarcacións de Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco e vén de desputar, o pasado domingo, unha regata na ría de Vigo.

A regata deste domingo, que se celebrará en augas do Porto de Vigo, está organizada pola Liga Noroeste de Traíñas e o Real Club Náutico de Vigo, que participa, a través da súa delegación de Remo, cunha embarcación propia.

Cada unha das 14 traíñas participantes recibirá un premio en metálico finalizada a regata. Os premios irán dos 1.875 euros para a primeira ata os 415 para a última clasificada.

A XIV Bandeira Concello de Vigo foi presentada hoxe mércores no Concello pola concelleira de Deportes, Lucía Molares, quen animou os vigueses a implicarse na práctica deste deporte e a achegarse a el para gozaren de eventos deportivos que, como este, son "dos máis espectaculares que se poden ver".
Descargar todas as imaxes