Escoitar

Clausura das actividades de apoio ao menor do Plan Comunitario de Teis

A concelleira da Área de Participación Cidadá, Marta Iglesias clausura o programa de actividades de apoio ao menor conveniado co Plan Comunitario de Teis que se ten desenvolvido durante o pasado curso escolar e inaugura unha exposición de fotografías das actividades desenvolvidas polos rapaces.

martes, 18 xul 2006
O programa de actividades enmárcase, por unha banda no traballo que se está a levar a cabo cos máis novos, diante das problemáticas sociais que representan e é unha acción complementaria do Servizo de Infancia e Familia, servizo que interveñe en todos os casos nos que están implicados os menores.

Neste convenio realizáronse accións de integración social que se enmarcaron nas actividades de lecer e tempo libre habituais da programación xeral do Plan Comunitario, contando cun seguimento individualizado nos casos que foi necesario. Foi dirixido, fundamentalmente a nenos e nenas de 7 a 12 anos, que desenvolveron, fundamentalmente, actividades de apoio educativo e mesmo escolar (no canto a hábitos de estudio), contando coa colaboración de voluntarios.

Con este convenio, continúase na liña de traballo xa iniciada e a intervención dirixida ós colectivos que dende a Concellería se estima que precisan dunha meirande atención, como son os máis novos. O Concello aportou 4.700.- euros para esta actividade.

A asociación Plan Comunitario de Teis amosa a través dunha serie de fotografías tomadas ó longo do curso escolar o que foron as actividades desenvolvidas cos rapaces. A exposición poderase ver na lonxa do Concello do 18 ao 25 de xullo.