Escoitar

Franz Ferdinand ofrecen este xoves en Castrelos un dos seus tres concertos en España

O Auditorio de Castrelos acolle este xoves, a partir das 22:00 horas, un dos tres concertos programados para este verán en España polo grupo escocés Franz Ferdinand, unha das principais referencias da música británica actual. Acompañaranos Delorean e Femme Fatale.

martes, 18 xul 2006
1153224640franzferdinand.jpg
Franz Ferdinand
Os escoceses Franz Ferdinand convertíronse na esperanza branca do pop británico en 2004, coa publicación do seu disco homónimo. Co seu segundo CD entraron directamente ao número un no Reino Unido e ao oito nos Estados Unidos. En España, os seus discos foron elixidos entre os mellores de 2004 e 2005 polas principais revistas especializadas. Alex (voz e guitarra), Nick (guitarra, teclados e voz), Bob (baixo) e Paul (batería) logran así recuperar a atención perdida pola música dun país que nos sesenta dominou o planeta e que unicamente volveu reinar no curto e desastroso período do brit pop.

Franz Ferdinand chega no momento xusto, un momento en que conviven dúas tendencias ben diferenciadas: o revival do rock, levado a cabo polos mass media, e o revival do post punk, defendido polas publicacións musicais especializadas de medio mundo. Franz Ferdinand ocupa un lugar entre estas dúas correntes. Porque, se ben bebe das fontes do post punk inglés, ten un compoñente importante de rock, cancións, imaxe e xuventude, que os pode facer chegar ao fan dos Strokes ou dos White Stripes.

Na presentación do concerto do xoves en Castrelos, que forma parte do programa das Festas do Cristo de 2006, o concelleiro de Festas, Ignacio López-Chaves, definiu a Franz Ferdinand como "grupo de referencia" e asegurou que este evento é xa un éxito "pola expectación que xerou". De feito, segundo explicou López-Chaves, hoxe martes quedan menos de 1.000 entradas para o concerto e téñense vendido "o dobre por internet que por despacho", o que pon de manifesto o interese da xente nova pola actuación deste grupo.

O representante da empresa promotora da actuación, David Lago, de Sweet Tours, calculou en 20.000 o número de persoas que asistirán ao concerto, entre as cales haberá xente de fóra, como os británicos que virán do Reino Unido ou os que están de vacacións cerca de Vigo.

Traer a Franz Ferdinand a Castrelos supón un gasto de 239.000 euros por parte do Concello. Había cidades que pagaban máis pero, segundo explicou David Lago, a anticipación da organización viguesa e unhas cantas viaxes a Londres fixeron que o grupo se decantase por Vigo.

Este verán, o grupo escocés soamente ten programados outros dous concertos en España (un xa realizado, no Metro Rock de Madrid), e o outro no FIB Heineken de Benicassim (22 de xullo). A actuación de Vigo é a única das tres que os escoceses darán de xeito individual, o que explica o enorme interese que está a suscitar.

Delorean e Femme Fatale

Delorean é unha banda formada en Zarautz (Guipúscoa) no ano 2000 por Tomás Palomo (guitarra e teclados), Ekhi Lopetegui (baixo e voces), Unai Lazkano (guitarra e teclados) e Igor Escudero (batería). Nacen como grupo pop, pero axiña o seu amor polos sintetizadores levaraos a percorrer novos camiños.

Rodeados dun halo de perigo e misterio, Femme Fatale consagráronse en España co seu segundo disco, Femme Fatale, cheo de electro rock e electrónica escura e sexy, que lembra a Goldfrapp ou mesmo a Depeche Mode.

Entradas

As entradas están á venda na Central de Espectáculos de Vigo, na rúa Velázquez Moreno 26, baixo, e a través de Internet na web de Caixanova, www.servinova.com ou www.caixanova.es. O prezo das entradas é de 12 euros, en venda anticipada, e de 15 en despacho.
Descargar todas as imaxes